Son o Froiz, vencedor en 2007, o Spol-Caixanova, o Vigue Chint, o Cidade de Lugo, e os coruñeses Cambre-Frisonoble e Luis Ocaña-Cymasa.
O pelotón da Volta á provincia da Coruña vai contar con 147 ciclistas das categorías elite e sub 23, e hase desenvolver en tres etapas, entre Boiro e Ferrol (a primeira en Boiro mesmo, a segunda en Cerceda e a última sae e termina en Ferrol).
Na VII edición desta rolda, que comeza esta sexta feira e ha discorrer até domingo, aumentou o nivel e o número de equipos participantes. Hai seis equipos galegos e once estatais, aos que hai que acrecentar dúas formacións francesas e outras dúas portuguesas.
Os equipos galegos son o Froiz (gañador da rolda o ano pasado), o Spol-Caixanova, o Vigue Chint, o Cidade de Lugo, e os coruñeses Cambre-Frisonoble e Luis Ocaña-Cymasa.
As etapas
A etapa Boiro-Boiro (130 quilómetros) abre a Volta, e os prognósticos falan dunha proba decisiva cun percorrido rompepernas e dúas subas á montaña, na segunda metade do trazado, bordeando a costa do Barbanza.
No día a seguir, o sábado, comeza a etapa de Cerceda, de 142 quilómetros, mais con altos de montaña non tan selectivos como os do Barbanza, pero é importante a sucesión de subidas e baixadas, que non vai deixar descansar ao pelotón.
A última etapa, a do domingo, que se ha desenvolver en Ferrol sobre 139 quilómetros, é, en teoría, a máis suave ao discorrer polo centro urbano da cidade. Pode dar lugar ás escapadas e, se cadra, á vitoria final.