Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Anuncio durante o peche da edición 2008

O Salón do Cómic de Barcelona declara a Galiza "convidada de honra" para 2009

Os autores galegos recibiron tres dos premios do público, mais apenas un dos outorgados polo xurado: 'Fanzine Enfermo' como mellor fanzine do 2007.

Redacción - 09:00 21/04/2008

Galiza será a comunidade convidada de honra do Saló del Cómic de Barcelona no ano vindeiro, feito que será anunciado esta tardiña polo director desta feira, Carles Santamaría, no acto de peche da edición deste ano.

"Será unha gran ocasión para difundir iniciativas, obras e autores e para conseguir un maior recoñecemento internacional", explicou este domingo o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, ao tempo que avanzaba a intención da famosa feira catalá de estabelecer que en 2009 Galiza sexa "convidada de honra".

Segundo opinou Bará, a decisión implica un "recoñecemento do bo momento" que está a atravesar a banda deseñada galega, "tanto a nivel de autores coma de colectivos e de eventos" relacionados con ela. "Somos unha potencia no Estado en materia de banda deseñada", proclamou Bará.

O responsábel de Cultura salientou ademais que Galiza contase nesta edición 2008, e por segundo ano consecutivo, dun espazo institucional e sinalou que o listón "queda moi alto" para o ano que vén, tanto polo nivel dos stands coma pola cantidade de autores presentes, un total de trinta.

O público do Saló recoñece a banda deseñada galega
O Fanzine Enfermo fíxose co premio ao mellor fanzine do 2007. A publicación deixou de editarse, despois de publicar oito números, e estaba dirixido por Alberto Vázquez, que precesamente optaba nesta ocasión aos premios máis importantes do Saló do Cómic por El Evangelio de Judas, e que ficou sen recoñecemento do xurado. Mellor lles foi aos creadores e medios galegos nos premios outorgados polo público, uns galardóns de carácter simbólico.

A Retranca de Kiko da Silva recibiu o premio á mellor revista de 2007. Tamén foi recoñecido como 'mellor guión' Antonio Seijas co seu álbum Un home feliz, co que xa gañara o Premio Castelao. E o propio Alberto Vázquez, aínda que quedou sen nada nas categorías oficiais, levou o recoñeceñemento do público ao mellor debuxo.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O cartel da edición 2008 do Salón Internacional do Cómic de Barcelona
O cartel da edición 2008 do Salón Internacional do Cómic de Barcelona
'Fanzine Enfermo', premio ao mellor fanzine do Estado en 2007
'Fanzine Enfermo', premio ao mellor fanzine do Estado en 2007