Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OPINIÓN

Somalia: anatomía dun “Estado fallado”

Considerado un dos puntos mais conflitivos da zona do Corno de África, Somalia constitúe un constante foco de inestabilidade rexional e de risco para a seguridade na marxe nororiental do continente africano, especialmente de cara ao Golfo de Adén e o Océano Índico. Neste sentido, as súas características corresponden á categoría do que se considera como un “Estado fallado”, fragmentado e con posibilidades de disolución.

Roberto Mansilla - 19:33 22/04/2008
Tags:

Unha ollada á historia contemporánea somalí ilustra un escenario repleto de golpes militares, unha prolongada guerra civil, enfrontamentos étnicos e tribais, unha fracasada invasión militar “de pacificación” por parte de EEUU en 1993, a evidente fragmentación territorial en rexións controladas por xefes e clans tribais e a consolidación de movementos islamitas radicais, presuntamente afiliados á ideoloxía “yihadista salafista” de Al Qaeda.

A guerra civil iniciada en 1991, trala caída do goberno de corte socialista de Siyad Barreh, deixou practicamente sen autoridade estatal lexítima a este territorio de aproximadamente 637.660 km2, cunha poboación de 8.228.000 de persoas, cuxa principal actividade económica son as actividades agrícolas.

Clans tribais e islamismo

Así, nun estado de anarquía caótica, certificouse unha marcada fragmentación territorial baixo o control de diversas faccións militares e “señores da guerra”, pertencentes a determinados clans tribais, tales foron os casos das rexións norteas de Somaliland antigamente dominada polos colonos británicos, e Puntland, que practicamente constituíronse en entidades semiestatais separadas a partir de 1993.

Esta ausencia dunha autoridade central eficiente e lexítima foi un síntoma constante no desenvolvemento da inestabilidade interna somalí desde 1991. En 2000 constituíuse un Goberno Federal Transitorio, incapaz de garantir a orde estatal. A recente auxe de diversas correntes islamitas, algunhas delas radicais, non só contribuíu a incrementar este caudal conflitivo senón a exacerbar as diferenzas tribais entre os somalís.

Algúns destes movementos islamitas constituíronse nos denominados “tribunais islámicos”, cuxa actuación nos derradeiros anos complicou a viabilidade da autoridade do Goberno Federal Transitorio baixo o mando presidencial de Abullahi Yusuf Ahmed. O débil goberno central afincado na capital Mogadiscio acusa aos “tribunais islámicos” de ser unha plataforma de Al Qaida para expandir a súa ideoloxía e o “terrorismo islamita” no Corno de África.

Os actores externos
Neste sentido, Washington activou a partir de 2007 un novo comando central militar na África central e occidental, destinada a fortalecer o goberno de Yusuf Ahmed, con apoio etíope, e evitar unha proliferación de presuntos grupos pro-Al Qaeda na rexión oriental do continente africano.

Paralelamente, resulta notoria a influencia de Etiopía como factor político e militar externo que, en diversas ocasións, interveu militarmente a fin de estabilizar momentaneamente o país. A partir de 1992, Etiopía sufriu no seu propio territorio o alcance da violencia e inestabilidade somalí, debido ás frecuentes invasións de milicias tribais somalís á fronteiriza rexión etíope de Ogadén.

Desde xaneiro de 2007, a petición do presidente Yusuf Ahmed e co beneplácito estadounidense, as forzas armadas etíopes ingresaron en territorio somalí para atacar, con notoria brutalidade, ás milicias simpatizantes cos “tribunais islámicos”. A posterior retirada militar etíope deu paso ao despliegue de tropas de paz baixo o mando da Unión Africana, recuperando dun xeito substancial o control central baixo o presidente Yusuf Ahmed, tras varios anos de baleiro de poder.

Non obstante, ao longo de 2007, as tropas africanas e estatais somalís deberon confrontarse cunha especie de “guerrilla urbana” islamita, provocando un millóns de refuxiados somalís nos países veciños, especialmente Etiopía e Kenia. Esta situación alertou á ONU e diversas ONGs que, en novembro de 2007, consideraron publicamente que a violencia en Somalia era “a peor catástrofe de África”, incluso superior á crise que sufre a rexión sudanesa de Darfur.

Con todos estes factores en acción, poucos dubidan da certificación de que Somalia é unha posible ficción como Estado nacional, con características propias dun “Estado fracasado”, incapaz de manter a orde central e con vías á disolución territorial. Este caótico escenario aumenta o seu caudal de conflito coa mais que probable expansión rexional dunha vertente do islamismo radical salafista e como posible base de operacións para a actuación de grupos afiliados ou non a Al Qaida.

*Un artigo para Vieiros de Roberto Mansilla Blanco


4.6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: