Participan no IV Trofeo Internacional "Cáceres 2016" con algúns dos mellores combinados nacionais e clubes do mundo.
É a terceira vez que Galiza fai parte deste prestixioso trofeo que ha contar, máis unha vez, coas mellores seleccións do Estado neste deporte (Madrid, Cataluña, Castela-A Mancha); as mellores seleccións internacionais (Holanda, Francia, Alemaña, Portugal) e os mellores clubes de Europa e do Mundo (o Alcarreño de Salvamento, clube campión de Europa e subcampión do Mundo; o ADN Cáceres, o UDC Sur, o San Jorge, o Club Oriol, Salvamento Almendralejo, entre outros).
Hanse xuntar arredor de 200 deportistas, entre os cales se atopan os campións de Europa e do Mundo en diversas probas de Salvamento Deportivo.
De Galiza viaxan a Cáceres 22 deportistas, 15 da categoría absoluta, (8 rapaces e 7 rapazas con 18 anos de media) e 8 do combinado Cadete (con 4 rapaces e 4 rapazas de entre 13 e 14 anos). Todos eles proveñen de 6 clubes galegos e entre eles hai xente que vai por primeira vez (como Rubén Oubiña, Silvia González, Diego López ou Miren Vicente), e outros repiten (como é o caso de Jorge Vega, Cristina García, Noa Floriano ou Rubén Fernández):
O noso equipo vai tentar mellorar os resultados obtidos o ano pasado neste trofeo (unha quinta praza na clasificación xeral e 10 medallas), así como os rexistros a nivel galego, porque desta volta conta con boas bazas.
As bazas da selección galega
No combinado galego destaca o traballo feito por Cristina García Marín e Miren Vicente Escalona en 200 obstáculos; e por Noa Floriano Doval en 50 rescate e 100 combinada, así como o relevo de 4x50 Obstáculos en categoría feminina. Nos mozos é de salientar o traballo de Jorge Vega Leal en 50 rescate, así como de Eugenio Novás en 200 obstáculos, ademais do relevo de 4x25 arrastre en categoría absoluta masculina.
En cadetes, os deportistas só realizarán dúas probas, 75 combinada e 100 supersocorrista, e a proba de 4x50 tubo, onde o relevo masculino debería bater o a mellor marca galega estabelecida galego establecido.
A historia da selección galega de Salvamento
O combinado galego de Salvamento conta cunha historia bastante exitosa, a pesares de se ter creado hai relativamente ben pouco, no ano 1999.
A súa época dourada foi durante as temporadas de 2001 a 2003, cando o nivel de deportistas séniores no noso país era bastante alto, a media de idade da selección era de 23-24 anos e conseguíronse case 20 medallas nos diversos campionatos por autonomías. Isto foi un verdadeiro éxito, tendo en conta o noviño que era este deporte naquela altura en Galiza.
En 2004 a Selección Galega de Salvamento deixou de existir por problemas internos da Federación e falta de axudas económicas das institucións públicas; até que reapareceu en 2006 no Trofeo Internacional de Cáceres. Despois volveu participar, en 2007, no Campionato Estatal por Autonomías disputado en Alicante, e tamén no trofeo cacereño ao que agora volven.