Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O Trasno

Laicidade adulta e necesaria

O catolicismo está ferido de constantinismo. Aquel emperador fíxolle un fraco favor á nova relixión, utilizándoa para unificar o Imperio e xustificar o seu poder. Afacerse ao poder e á espada, deixarse aloumiñar polos privilexios, logo se fai, pero é droga: desengancharse custa un mundo. Houbo rebelión dentro da Igrexa, movementos proféticos cun pé –ou mesmo con tres- fóra da ortodoxia, vidas coherentes, mulleres e homes que viviron a súa fe como servizo aos pobres feito desde a pobreza. Pero non foi ata o século XX, cando se forma unha corrente sólida de pensamento e acción que fai, desde dentro, unha crítica radical do “lugar social” da Igrexa Católica, unha crítica de con quen a Igrexa compartía mesa e pan no teatro da vida.

Daniel López Muñoz - 21:04 25/04/2008
Tags:

A pobreza é unha categoría teolóxica e sociolóxica, ademais de ética. Daquel debate sobre “Igrexa pobre”, “para os pobres”, “desde os pobres”, quedou unha magnífica colleita de comunidades, militantes, pensadoras, persoas consagradas a “recolocar” a Igrexa no mundo: libre do poder político, a carón das clases populares, a favor das causas xustas.

Desde esta perspectiva, a laicidade é un marco de liberdade, de independencia. Tamén, e precisamente por iso, de perda de poder e de presenza. É un desafío tremendo para a institución católica: novas regras de xogo, vivir sen preponderancia, baixarse dos privilexios da historia, volver ao deserto e a catacumba, nunha sociedade que non precisa tutelaxe relixiosa, nin católica nin islámica.

Pero as institucións teñen dentro persoas, moitas boas e honestas, con sentimentos. Algunhas ven neste tipo de historias espírito revanchista e mesmo odio relixioso. Disque hai un ateísmo “diferente” ao da transición e agora o xuízo que se fai sobre a Igrexa é sumarísimo, e non peneira criticamente a realidade, nin concede permiso de existencia a unha experiencia relixiosa humanizadora e liberadora.

Seguro que hai de todo. Pero hai que poñer todo nun cesto e ver se a Igrexa de agora é a mesma da transición. E habería que admitir con toda honestidade que, para xuízos sumarísimos, aqueles que a Igrexa bendiciu, contra, entre outros, cristiáns confesantes como Bóveda.

Os sentimentos son libres e pouco controlables, pero non se debería no campo católico progresista, por razóns de oportunidade ou afecto, renunciar á aposta por unha sociedade laica e emancipada de toda relixión pre-dominante.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: