O comandante das Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia - Ejércio del Pueblo (FARC), Iván Márquez, afirmou que, "se en algo está interesado o presidente Chávez é na paz de Colombia. PeroUribe pretendeu sacalo da mediación", malia "ser a única que mostrou resultados concretos".
Estas declaracións foron dadas ao secretario xeral do Partido Comunista Arxentino, Patricio Etchegaray e publicadas en www.perfil.com
Verbo o suposto financiamiento do goberno venezuelano ás FARC, o comandante da organización guerrilleira afirmou: "(Álvaro Uribe) minte cando di que recibimos armas e dólares de Venezuela".
Sostivo ademais que ao presidente de Colombia "non lle importa o clamor humanitario dos familiares dos prisioneiros", pois "todos os días imparte ordes aos seus xenerais para que intenten un resgate a sangue e fogo (?) É unha actitude irresponsábel. Desde as FARC anticipamos que en caso dun desenlace fatal dos acontecementos, o presidente Uribe e o Estado de Colombia serán os responsábeis", advertiu.
Nese sentido, eloxiou "a actitude valerosa" de Yolanda Pulecio, nai da ex candidata presidencial Ingrid Betancourt, en mans das FARC desde 2002.
A xuízo de Márquez, as últimas declaracións de Pulecio sobre sentirse máis segura en Venezuela que en Colombia, xorden debido a que "ela ve en Hugo Chávez a única esperanza, e ten razón, porque Chávez desenvolveu un esforzo desinteresado para concretar o troco".
Tras o despexe, a negociación
"O asasinato de Raúl Reyes dinamitou a estrutura de negociación construída polo presidente Hugo Chávez e a senadora Piedad Córdoba. Eles lograron cousas impensables até fai moi pouco, resultados alentadores como a liberación de cinco deputados capturados polas FARC... Pero tras estes acontecementos as nosas posibilidades de continuar liberando ao resto das persoas están por agora clausuradas".
Para retomar aquel esforzo -salientou Márquez- "hoxe soamente queda a vía do despexe militar, por 45 días, de Pradera e Florida, dous municipios situados no departamento de Valle".
Ningún contacto con Francia
O comandante das FARC afirmou que non existe "ningún contacto" co goberno francés, despois de que o presidente deste país, Nicolás Sarkozy, decidise o envío dun avión médico á selva para asistir a Betancourt, sen éxito.
"No mes de xaneiro demos unha resposta ao Comité Internacional da Cruz Vermella, que solicitara ás FARC permitir o ingreso dunha misión médica para atender na profundidade da selva aos prisioneiros en poder de FARC. Explicámoslles porqué esa proposta era inviábel debido aos riscos militares que entrañaría darlles as coordenadas dun lugar", precisou Iván Márquez.
"A nós interésanos preservar a vida dos nosos prisioneiros de guerra. Cando as FARC sexan recoñecidas como forza belixerante haberá outras condicións para un labor desta natureza. De todas as maneiras, recalco que os médicos guerrilleiros brindan a mellor atención posíbel aos nosos prisioneiros", puntualizou o comandante das FARC-EP Iván Márquez.