Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
PÓDENSE ENTREGAR OS TRABALLOS ATÉ O 30 DE XUÑO

I Concurso de ensaios sobre poboación e desigualdades

O Banco Central de Venezuela (BCV), o Fondo de Poboación das Nacións Unidas (Unfpa, polas súas siglas en inglés) e a Asociación Venezolana de Estudios de Población (Avepo) convocan ao I Concurso de Ensaios sobre Poboación, Desigualdades e Políticas Públicas. A invitación está dirixida a investigadores, profesores, estudantes de posgrao e profesionais vencellados aos campos das Humanidades e as Ciencias Económicas e Sociais.

Xurxo Martínez Crespo - 16:50 30/04/2008

O concurso ten como principal obxectivo promover e difundir estudos e coñecementos sobre a dinámica da poboación venezuelana e os seus vencellos coas desigualdades, os dereitos e as políticas públicas, que profunden e contribúan a unha maior comprensión da interrelación entre poboación e desenvolvemento.

As obras participantes deberán contemplar a dinámica demográfica do país e as estratexias de superación da pobreza, así como a análise das desigualdades e os dereitos dos grupos da poboación máis desfavorecidos para propiciar políticas públicas dirixidas a reducir as inequidades sociais, entre outros aspectos.

Desde o 20 de abril até o 30 de xuño de 2008, estaranse recibindo os ensaios na Asociación Venezolana de Estudios de Población, situada no edificio Cincuentenario (5 andar), no que funciona o Instituto de Investigaciones Económicas e Sociales da Universidad Católica Andrés Bello, en Montalbán, Caracas.

Outorgaranse tres premios que inclúen a publicación dos traballos seleccionados. O primeiro premio será de Bs. F. 3.500, o segundo de Bs. F. 2.500 e o terceiro de Bs. F. 1.500. Igualmente o xurado poderá outorgar mencións honoríficas. O veredito darase a coñecer nun xornal de circulación nacional no mes de agosto de 2008.

Este primeiro concurso realízase no marco da publicación, por parte do Fondo de Poboación das Nacións Unidas, da Análise de Situación de Poboación en Venezuela: Poboación, Desigualdades e Políticas Públicas: un diálogo político estratéxico, que se atopa dispoñible no seguinte enlace: www.venezuela.unfpa.org
As bases do concurso poden consultarse en: www.bcv.org.ve/pdf/basesunfpa2008.doc, ou na páxina www.somosavepo.org.ve.


1/5 (2 votos)