Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NORTEAMÉRICA

Atopan os descendentes dun corpo que levaba séculos conxelado nun glaciar

O estudo xenético levou os científicos até as 17 persoas que comparten xenes con Kwaday Dän Ts'inchi.

Redacción - 11:18 01/05/2008
Un momento da escavación do corpo / A.P. Mackie, Universidade da Columbia Británica

Un momento da escavación do corpo / A.P. Mackie, Universidade da Columbia Británica

Científicos canadenses descubriron, mediante análises xenéticas, os parentes dun home que aparecera conxelado nun glaciar. Os restos foran atopados en 1999 no Parque Tatshenshini-Alsek, por mor do retroceso do xeo, e pertencían a unha persoa morta entre 1670 e 1850. Agora, 17 persoas que agora viven na Columbia Británica, Yukón e Alaska resultaron ser descendentes daquel nativo.

Segundo informa o xornal Globe and Mail, os datos déronse a coñecer nun simposio a pasada fin de semana, centrado na historia do corpo, chamado Kwaday Dän Ts'inchi, que significa "persoa moi antiga achada". Un dos arqueólogos do proxecto, Al Mackie, amosouse abraiado por todo o que se sabe sobre esa persoa e que a arqueoloxía tradicional nunca podería descubrir.

Dende o descubrimento, hai xa case unha década, os científicos estudaron todas as facetas do home, como a roupa, as ferramentas, os seus patróns migratorios ou mesmo o contido do seu estómago, pero foi o ADN e a súa relación con xente viva na actualidade o que deu os resultados máis apaixonantes. Os membros de tribos hoxe en día separadas centos de quilómetros amosáronse tamén impresionados ao descubriren que comparten un antepasado común. Tamén salientaron que este descubrimento pode animar a xente nova a aprender cousas sobre o pasado da súa xente.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: