Cinco expertos falarán sobre a obra de Xosé Mª Álvarez Blázquez, Uxío Novoneyra, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro e Antón Tovar.
Despois da vitoria nacional na guerra civil, a fecunda produción cultural galega dos anos trinta converteuse nun ermo do que só se comezou a ver unha saída coa publicación de Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño, en 1947. Naceron despois a Editorial Galaxia (1950), as primeiras revistas poéticas bilingües (Posío, Alba, Gelmírez...) e as primeiras coleccións poéticas como Benito Soto, coordinada por Celso Emilio, ou Xistral en Monforte. Nos anos cincuenta comezaron a aparecer as primeiras obras dos integrantes da chamada Promoción de Enlace (como Antón Tovar) e da Xeración das Festas Minervais (como Novoneyra e Manuel María).
Cinco especialistas e autores actuais analizarán a obra de cinco poetas daquel tempo: Manuel María, Xosé María Álvarez Blázquez, Uxío Novoneyra, Celso Emilio Ferreiro e Antón Tovar, fundamentais para entender o posterior desenvolvemento da poesía galega. É a sexta ocasión que a sección de literatura do Liceo de Ourense organiza estas sesións de estudo, enmarcadas no ciclo Visións de Galicia.
Todas as conferencias comezan ás oito e cuarto da tarde. A primeira tivo lugar este luns, dedicada a Álvarez Blázquez, e desenvolveranse até o vindeiro 19 de maio.
Programa de conferencias
5 de maio: Xohán Xesús Cabana sobre Xosé María Álvarez Blázquez.
9 de maio: Luis González Tosar sobre Uxío Novoneyra.
12 de maio: Miguel Anxo Fernán-Vello sobre Manuel María.
15 de maio: Ramón Nicolás sobre Celso Emilio Ferreiro.
19 de maio: Marcos Valcárcel sobre Antón Tovar.