O obxectivo é agrupar nunha soa forza os alumnos de ensino secundario e do universitario.
As siglas de Comités Abertos de Estudantes (CAE) e dos Comités Abertos de Escola e Faculdade (CAF) están a piques de pasar á historia. As dúas organizacións estudantís celebrarán o vindeiro sábado na Coruña unha asemblea de refundación que sirva para unificalas baixo unha mesma estrutura. Os CAF poñen fin así a 25 anos de andaina (os CAE fundáronse tres anos despois, en 1986). A organización estudantil nacionalista, que herdou o legado de ERGA, converteuse en forza hexemónica en moitos centros universitarios.
O responsábel nacional dos CAF, Gael González, subliña que a refundación se produce logo dun debate interno que finalizará este sábado. Unha das razóns que esgrime para esta fusión é o pragmatismo organizativo, “queremos manter a continuidade entre a xente que está nos instititutos e a que pasa logo á universidade”. Unha das cuestións a decidir é o nome que tomará a nova organización.
Na súa páxina web dos Comités Abertos están os textos que se discutirán este sábado no Centro Cívico do Barrio dos Mallos (A Coruña).
Que sexa para ben. Erga marcou un fito na historia do nacionalismo, os CAF funcionaron relativamente ben nos anos 90 e foron pouco a pouco esmorecendo canda a desmobilización xeral do estudantado.