Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica dende Palestina

Os gardiáns da cidade contra a cidade dos gardiáns

As celebracións polo 60º aniversario da creación do Estado de Israel mistúranse con diversas protestas. Un relato de Moncho Iglesias.

Moncho Iglesias - 13:00 08/05/2008

Noso Pai no Ceo, Rocha e Redentor de Israel, bendí o Estado de Israel, a primeira manifestación do achegamento da nosa redención. (...) Establece a paz na Terra [sinónimo de Israel, en hebreo] e garante a felicidade eterna para os seus habitantes. Guíaos, (...) á Túa cidade Zión e a Xerusalén, lar do teu Nome, tal e como está escrito na Torah do teu servo Moisés. (...) e envíanos pronto o Mesías, fillo de David, axente da nosa vindicación, para redimirnos a aqueles que esperamos a Túa liberación.

Este é o credo máis repetido estes días en Israel. A oración, un rezo polo estado de Israel, serve para conmemorar os 60 anos da creación da nación. E xunto ao rezo, políticos, escritores, cantantes, actores..., a maior parte da poboación únese ondeando as bandeiras brancas de franxas azuis e coa estrela de David no medio.

As fronteiras establecidas por Israel aparecen cubertas de bandeiras estes días. Os coches apenas se distinguen entre o movemento de mantos izados das súas xanelas. E para culminar esa unión, a sirena que avisa de calquera posible ataque mortal ecoa en todo o país, paralizando á súa xente. Con todo, sempre hai disidentes, "jihadistas, mártires suicidas e nais que gozan mandando os seus nenos con cintos de explosivos para estouparse nos autobuses ou centros comerciais", apuntaba o primeiro ministro israelí Ehud Olmert.

Os 60 anos de independencia, de reconquista, de recuperación de terras emprestadas, como apuntan algúns antropólogos relixiosos israelís, veñen acompañados de música e fogos de artificio. A cifra pecha un decenio -así como os pasos fronteirizos cos Territorios Palestinos, por temor a posibles atentados que violen a harmonía da celebración- e abre un novo capítulo na súa historia. Unha historia que, malia a certeza da súa existencia, moitos tratan de negar.

'Os gardiáns da cidade'

Naturei Karta –Os gardiáns da cidade, en arameo- é un grupo ultra-ortodoxo xudeu, antisionista, que loita pola destrución pacífica do estado pecaminoso de Israel. Queren vivir, baixo bandeira palestina e amosar ao mundo as barbaries sionistas. Segundo eles, o estado de Israel só procura a persecución da espiritualidade xudía, así como do pobo palestino. Os membros de Naturei Karta consideran que a existencia de Israel se debe a razóns políticas, e non relixiosas, posto que mentres non chegue o Mesías non pode haber ningún estado xudeu.

Durante estes días de celebración, centos de relixiosos saíron ás rúas para manifestarse contra o ateísmo imposto polo movemento sionista. Así, este mércores, varias persoas atacaron un home que levaba unha bandeira israelí, ao pasar por un dos barrios de Naturei Karta en Xerusalén. A policía, que estes días extrema esforzos para manter a calma, e gardar que non existan provocacións de ningún tipo, conseguiu dispersar os atacantes usando gases lacrimóxenos.

Castigados ou premiados cun aniversario, as celebracións continuarán varios días. E con elas, protestas de diferente tipo que non aceptan esta caste de eventos.


4,67/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: