Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XOSÉ MANUEL PEREIRO, NOVO DECANO DO CPXG

"As carreiras de comunicación seguen a ter demanda por altruísmo, ou por glamour"

Toma posesión en Compostela co obxectivo de darlle utilidade e visibilidade á institución.

M. del Río - 09:30 10/05/2008
Xosé Manuel Pereiro

Xosé Manuel Pereiro

Xosé Manuel Pereiro (Monforte de Lemos, 1956) toma posesión este sábado en Compostela como decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG). Foi elixido sen necesidade de votacións, por formar parte da única candidatura que se presentou á renovación da Xunta de Goberno. Ábrese, así, unha nova etapa na institución.

Vieiros: Vai ser o primeiro decano blogueiro do CPXG. Pódese considerar un novo xeito de xornalismo ou unha válvula de escape?
Xosé Manuel Pereiro: En xeral está claro que é un novo medio de comunicación que está a crear xéneros e autores novos. Dado o seu carácter fondamente accesible e democrático, cada un considéraa como quere. No meu caso non é unha válvula de escape porque tampouco acumulo demasiada presión no resto das actividades. O blog é unha faceta máis, das que máis me enriquecen persoal e profesionalmente, pero á que non lle podo dedicar o tempo que me gustaría.

Como cre que vai influír a extensión da internet no desenvolvemento da profesión?
Que se desenvolva como alternativa profesional depende de que desenvolva o seu potencial económico. Pero xa mudou e mutou as actividades profesionais clásicas, non soamente para os medios, que están aprendendo a vampirizala, en certos aspectos, senón que constitúe unha utilísima ferramenta para os xornalistas e ábrelles camiños a cotío. En internet hai moito do mellor xornalismo literario, e probablemente estean agromando mostras do mellor xornalismo a secas, porque polo de agora faltan medios, pero tampouco hai intereses, e sobra dedicación.

Cal cre que é a causa de que non haxa máis presenza do galego nos medios?
Hai factores, para os escritos, como que boa parte da poboación non está alfabetizada en galego, e tamén un considerable medo a que pareza que o idioma “contamina” a mensaxe. Hai tópicos como que non vende ou non se entende, cunha chea de contraexemplos, como que Casares era o máis lido de La Voz. E fundamentalmente, hai uns medios que son empresas con propietarios que teñen unha forma determinada de ver as cousas.

Cre que está garantida a independencia do xornalista na actualidade?
Nin na actualidade nin nunca.

Entre os xornalistas, maior preparación leva consigo maior precariedade?
Desgraciadamente, a precariedade é un fenómeno tan global e estendido que non respecta especificidades, pero estar mellor preparado non me parece que sexa un agravante.

Por que pensa que as carreiras relacionadas coa comunicación seguen a ser das máis demandadas? Hai saída profesional?
Pode ser por exceso de altruísmo, ou de glamour. Saídas dignas, no económico e no profesional, non hai moitas, como en case todo.

Que prioridades se marcará como decano do Colexio?
Non defraudar, polo menos. Demostrar que é útil e necesario. E renovar a web.


4,4/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: