Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DEBATES PRECONGRESUAIS

A 'provincialización' do PSdeG abre a batalla entre Touriño e Blanco

O Secretario Xeral do PSdeG oponse á pretensión de Ferraz de instaurar un modelo provincial forte. Detrás do telón agóchase un pulso entre os dous homes fortes do socialismo galego.

R.Vilar - 09:00 14/05/2008

A pouco máis de dous meses do Congreso do PSdeG, as augas non están tan tranquilas como pode semellar. Nunha xorda batalla de xadrez, o Secretario Xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, e o Secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, ensaian movementos nunha loita polo control orgánico da formación en Galiza.

A batalla máis importante deste enfrontamento é sen dúbida a discusión sobre o futuro modelo de partido. O PSOE, que celebra o seu Congreso poucas semanas antes que o PSdeG, quere aprobar un relatorio que reforza as “estruturas provinciais naqueles territorios onde non existen na actualidade”. O equipo de Blanco considera que este é o mellor xeito de ter engraxada a maquinaria en cada cita electoral xa que, ao fin e ao cabo, as circunscricións provinciais son os únicos campos de xogo posíbeis nos comicios estatais e autonómicos.

A proposta non lle agrada o máis mínimo a Touriño que asegurou nunha reunión da executiva galega celebrada a pasada fin de semana que non ve razóns para o cambio que se impulsa dende Madrid. Touriño planta cara deste xeito a Xosé Blanco e por extensión ao home de confianza do de Palas de Rei no PSdeG, o Secretario de Organización e conselleiro Ricardo Varela, que nos últimos meses se encargou de defender internamente o modelo provincial.

Unhas comarcas baixo mínimos
Na actualidade o modelo do PSdeG conxuga unha estrutura comarcal que se conxuga con outra figura que é a dos secretarios provinciais. Mais a opinión é unánime na formación socialista: as comarcas funcionan baixo mínimos porque nunca ninguén se preocupou de que fosen entes con competencias reais. Un exemplo ben nítido é que cando hai problemas internos nunha agrupación local quen intervén é o secretario provincial (que pertence por dereito á Executiva)

Diferentes cadros socialistas consultados por Vieiros sinalan que Touriño xoga a baza “autonomista” fronte a Ferraz porque sabe que unha estrutura provincial férrea pode restarlle marxe de manobra interna e agrandar a sombra de Blanco. Para contrarrestar isto, o presidente da Xunta intenta colocar nos máximos órganos de dirección a persoas da súa máxima confianza, como é o caso da conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride. Algo que non lle gusta nada a un importante sector que pensa que Touriño só lle presta atención ao núcleo que o rodea no Goberno, moitos deles con escasa traxectoria como militantes, e deixa nun papel secundario os cargos partidarios con “pedigree”.

O corpo a corpo antes da “pax” congresual

Sexa como for, as dúas principais correntes medirán as súas forzas antes do Congreso, que se celebrará a finais de xullo. Partidarios de ambos bandos sinalan que a cita congresual ten que servir para escenificar diante dos cidadáns que o PSdeG é unha formación “sólida e de goberno” para afrontar os vindeiros comicios coas máximas garantías. “Agora estamos no momento de repartir cadeiras e aquí todo o mundo se move até que encontra o sitio. Despois todo o mundo queda quieto”, subliña con retranca un veterano dirixente socialista.


4,19/5 (16 votos)


Comentarios (10)

lourentia #1 14/Maio/2008 lourentia

A pregunta é se pepiño só quere controlar o aparato ou soña con ser algún día caudillo en Monte Pío.

AGIL #2 14/Maio/2008 AGIL

Não é a província uma circunscrição imposta pela "transición", mas a extinguir? Nem deputações nem províncias, mas Comunidade Autónoma e comarcas ou bisbarras. Estas também na organização dos partidos...

mceleiro #3 14/Maio/2008 mceleiro

Tourinho Sentado que não levante o cu da cadeira, que há por Lugo um amiguinho do Pepinho Branco que quere ascender....

Tavia #4 14/Maio/2008 Tavia

Nom tenho especiais simpatias polo Pepe Blanco, mas coido que o de "Pepiño" é melhor deixar-lho aos racistas espanhois e a sua fóbia por todo o galego, mesmo que nom ejerça.

Garrano #5 14/Maio/2008 Garrano

Leva razón Tavia, os que teiman en chamar PepIÑO a Blanco nunca chaman MarianIÑO a Rajoy ou ManolIÑO a Fraga.

sozinho #6 15/Maio/2008 sozinho

Ao mediocre de Touriño non lle van quedar ceros dos que rodearse. Josiño Luisiño ZP cada vez me cae mellor -nunca vin que o iño fose exclusivo para galegos!. Iso si, a dirección do PSdeG será intocable, supoño.

Garrano #7 15/Maio/2008 Garrano

Claro, chamanlle así por que regatea tan ben ou mellor ca Ronaldinho, como non caira eu antes...

fouze #8 15/Maio/2008 fouze

Esta noite pasada, estavan em Onda Caro, (uma radio da espanha) a isso das 3:30 da madrugada, ponhendo-nos podres con "chistes de gallegos". Há que dizer que a colaboura dos oites foi boa, os que chamaron contarom "chistes de gallegos". Espero que dempois disto perdan muitos oites. Galiza Ceive!!

fouze #9 15/Maio/2008 fouze

Perdon pelo erro "Onda Cero" http://www.ondacero.es/

mceleiro #10 15/Maio/2008 mceleiro

Pois se Pepinho é racismo espanholista, melhor então Pepito. Ele seguro que também o prefire.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: