Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise

Aspectos sociais da enerxía electrica

"A calidade e cantidade de servizos enerxéticos, e a forma que se conseguen, tamén afecta ás cuestións sociais". Análise de Fermín Paz Lamigueiro.

Fermín Paz - 13:00 14/05/2008

Introdución
O uso da enerxía está vinculado a unha serie de aspectos sociais, incluída a loita contra a pobreza, o crecemento demográfico, a urbanización e a falta de oportunidades para a muller, etc. Aínda que estes aspectos afectan á demanda de enerxía, a relación é de dobre sentido: a calidade e cantidade de servizos enerxéticos, e a forma que se conseguen, tamén afecta ás cuestións sociais.


I. A falta de enerxía e de servizos enerxéticos produce graves problemas

A pobreza é o problema social máis importante dos países en vias de desenvolvemento. Ao redor de 1.300 millóns de persoas viven con menos de 1 dólar ao día. Porén, a medida dos ingresos por si soa non reflicte plenamente a miseria e ausencia de elección que representa a pobreza. Os patróns de consumo de enerxía dos pobres- especialmente a súa dependencia dos combustíbeis tradicionais nas zonas rurais, tende a mantelos empobrecidos. A nivel mundial 2000 millóns de persoas non teñen acceso á electricidade e continuan usando combustíbeis sólidos tradicionais para cociñar. Ademais centos de millóns de persoas dedican varias horas ao dia a recoller leña e carrexar auga. Esta forma de traballo, afecta á saúde principalmente de mulleres e nenos que son quen cargan con estas tarefas e ademais como consumen nestas tarefas, tempo e enerxía, perden oportunidades de educación e outras actividades. A falta de electricidade significa normalmente unha iluminación inadecuada e poucos ou ningún electrodoméstico, limitan as telecomunicacións e escasas posibilidades empresariais. Un maior acceso á electricidade e aos modernos combustíbeis mellora a calidade de vida. Uns ingresos limitados obrigan a utilizar combustíbeis tradicionais e tecnoloxías ineficaces. Na medida que hai maiores ingresos a leña vaise substituindo por combustíbeis comerciais e a electricidade que ofrecen maiores vantaxes, pois a súa disponibilidade pode converterse nunha palanca para sair do ciclo de pobreza.

A.-O crecemento demográfico
.

Aínda que o crecemento da población tende a que se produza un incremento da demanda de enerxía, é menos coñecido o feito de que a disponibilidade duns servizos enerxéticos acaídos pode reducir as taxas de natalidade. Unha aceleración da transición demográfica cara unha baixa mortalidade e unha baixa fertilidade (como sucedeu nos países máis industrializados) asi como a mellora do medio ambiente local, a formación das mulleres, e a eliminación da pobreza extrema e o traballo infantil, están vinculados coa disponibilidade duns servizos enerxéticos de baixo custe. A crecente concentración de poboación nos centros urbanos é outro aspecto demográfico clave vinculado á enerxía.

B.-A enerxía e as planificacións necesarias


Aínda que a tendencia xeral cara a urbanización pode ser inevitábel, o ofrecer máis opcións aos residentes rurais mediante intervencións en materia de enerxía pode retardar potencialmente a migración e reducir a presión nas cidades de rápido crecemento. Se ben é certo que os factores externos negativos relacionados co uso da enerxía nas zonas urbanas poden ser severos, diversas estratexias puden mitigar os seus efectos e fomentar a conservación da enerxía. Tendo en conta a enerxía nas planificacións do uso da terra, no deseño da infraestrutura física, nas normas de construción e nos sistemas de transporte, pódese reducir o crecemento da demanda de enerxía. Os sistemas de transporte poden ser especialmente importantes neste aspecto, dado o rápido crecemento do nº de vehículos a motor no mundo. Desde 1970 a flota medrou en 16 millóns de vehículos ao ano, e é probábel que no 2020 cheguemos aos 1000 millóns de automóbiles, con isto teremos máis conxestión nas áreas urbanas, máis contaminación e menos saúde aínda sendo optimistas coas melloras de eficiencia e combustíbeis alternativos. Nos países en desenvolvemento, para abordar as necesidades enerxéticas dos pobres, a maioría, son necesarios cambios estruturais. Nos países industrializados, o acceso a unha enerxía cun prezo axeitado é tamén problemático pero para menos xente en proporción ao conxunto da poboación, e por isto, as solucións deben de vir pola vía das políticas sociais. O certo é que en todo o mundo os fogares pobres dedican unha parte maior dos seus ingresos que os ricos, o que os fai máis vulnerábeis ao incremento do prezo da enerxía.

C.-Unha enerxía segura e disponíbel.

A seguridade de abastecemento de enerxía significa a disponibilidade de enerxía en todo momento e en diversas formas, en cantidades suficientes e a prezos accesíbeis. Para que a enerxía contribúa a un desenvolvemento sustentábel, estas condicións deben prevalecer a longo prazo. A atención á seguridade do abastecemento é crítica, debido á desigual distribución tanto dos recursos de combustíbeis fósiles (dos que aínda dependen a maioría dos países), como da capacidade para desenvolver outros recursos. O suministro podería ser máis vulnerábel a curto prazo debido á crecente dependencia mundial do petróleo importado. As opcións son: rebaixar a dependencia, mellorar a eficiencia das instalacións, de produción, transporte e distribución, diversificar o suministro, fomentar a cooperación internacional, respecto na comunidade internacional á política de cada país, estimular as transferencias de tecnoloxía, unha aposta decidida polas enerxías renovábeis, desenvolvemento acelerado e despregue de novas tecnoloxias enerxéticas.

D.-Condicións para as alternativas enerxéticas


As alternativas enerxéticas teñen que ser socialmente equilibradas e para isto hai que ter en conta as necesidades dos pobos e deixar de aplicar imitacións cegas de modelos foráneos. Neste enfoque débese garantir o acceso á enerxía a un prezo razoábel para todos os cidadáns. Polo tanto requírese un control social para asegurar a produción, transporte e distribución de enerxía en pos do benestar de todos e non duns poucos.


II.-ELEMENTOS NECESARIOS PARA UN ENFOQUE EQUILIBRADO E SOCIALMENTE RESPONSÁBEL NO SECTOR DA ENERXÍA.

A.-Base democrática para a aprobación das alternativas nacionais.

As políticas de Enerxía deberían definirse nun proceso democrático e transparente. A situación en cada país é única, debido a distintas estruturas, tradicións, culturas, recursos e circunstancias. Esta é a razón pola que os Gobernos e Parlamentos deben ser libres de elixir diferentes modelos. Ningunha estrutura de mercado enerxético demostrou ser a mellor do mundo. Copiar cegamente exemplos doutros países pode ser un craso error.

B.- As organizacións sociais e os usuarios deben participar e ser consultados.
As organizacións sociais e outros grupos de interese como os usuarios organizados, deben participar en todas as fases do proceso de reestruturación e estar representados nos órganos de planificación e regulación. Un proceso de consulta transparente e efectiva é vital cando se están formulando políticas de enerxía nacionais e internacionais e marcos regulatorios. Non se pode aceitar que o funcionamento dos sistemas nacionais e internacionais se baseen na desregulamentación, cuxo único garante sexa o mercado, ao contrario, requírese unha regulamentación sólida por parte dos gobernos e con control dos parlamentos. Antes de introducir calquera cambio estrutural débese establecer un marco regulatorio apropiado baseado en políticas enerxéticas nacionais. A regulamentación é un concepto amplio. A experiencia mostra que os mercados liberalizados de feito requiren regras moi detalladas para evitar distorsións e o dumping social e ambiental. Un regulador rigoroso suxeito ao control democrático debe contar con medios efectivos para supervisar os mercados e ordenar os cambios cando os considere apropiados.

C.-Obrigas de servizo público para todos os actores Os actores sociais da comunidade teñen que ter un papel activo na defensa desta perspectiva, asegurando que calquera marco regulatorio cubra as obrigas inherentes a un servizo público.

  • Obriga de abastecemento (servizo universal)
  • Seguridade de abastecemento
  • Igualdade dos consumidores
  • Mecanismos de prezos xustos (incluída a posibilidade de tarifas sociais)
  • Normas ambientais
  • Normas de seguridade
  • Calidade e regularidade do servizo
Estas obrigas deben aplicarse a todas as empresas no mal chamado “mercado”. O seu propósito é asegurar que todas as empresas cumpran coas súas responsabilidades coa sociedade, os cidadáns e o medio ambiente. A enerxía non pode ser conceptualizada como unha mercadoría.

D.-Emprego e regras sociais para evitar o dumping

A medida que xurden novos actores no mercado, a regulación debe ofrecer unha situación comparábel en materia de emprego, niveis suficientes de dotación de persoal, normas de saúde e seguridade, formación e cualificación do persoal. Leis, regulacións e convenios colectivos son todos medios para crear un entorno de igualdade e evitar o dumping social.

E.-Privatización y absorcións:
Defensa do principio da soberanía nacional enerxética e sobre esta base, acordos cos novos inversores, con especial protección do emprego, das normas sociais, a formación profesional, a saúde e a seguridade no traballo, a liberdade sindical e a calidade e os prezos finais da enerxía aos usuarios Nestes casos, os gobernos e os parlamentos deben definir as condicións marco de acordo supranacional.

F.-Precísanse regras transfronteirizas. Dado que as fronteiras nacionais están abertas á inversión e tamén aos traballadores en certas rexións precísanse regras mínimas e harmonización a nivel nacional e internacional. A Organización Internacional do Traballo (OIT) da ONU é unha plataforma natural para as regras sociais globais. Débense garantir as normas mínimas, a harmonización e a participación nos mecanismos das zonas de libre comercio que se están a crear. Dereitos globais para os traballadores nas empresas multinacionais. As declaracións unilaterais das multinacionais sobre "principios empresarios" ou "códigos de ética" non son suficientes porque non contan con ningún mecanismo de control externo e de aplicación real. Un acordo nacional primeiro e logo supranacional que vincule á totalidade do sector, os xa existentes e os novos é o mellor fundamento para limitar as ameazas de dumping social. Os acordos deberían, sempre que sexa posíbel, cubrir tamén aos traballadores subcontratados, limitar o recurso a estes para auxiliar ás empresas matrices nos traballos desas características e procurar que os seus salarios e condicións sexan semellantes aos de traballo permanente.

III.- Resumen:

A actual falta de equidade é insustentábel. Se se chegan a satisfacer as necesidades enerxéticas dos pobres con modernas tecnoloxías se poderá mellorar o nivel de vida e de saúde, asi como crear postos de traballo e oportunidades de empresa. Permitir que unha terceira parte da poboación do mundo continúe sufrindo penalidades relacionadas coa enerxía tradicional é inaceitábel tanto desde a perspectiva humanitaria como ética. Hai que tomar medidas para que a enerxía comercial estea amplamente disponíbel é unha política correcta. É preciso facer un cambio de rumbo nas politicas enerxéticas actuais para lograr un futuro enerxético compatible cos obxectivos do desenvolvemento sustentábel, acelerando a cadea de innovación enerxética primando a investigación e desenvolvemento. A prestación de servizos enerxéticos no rural ten dificultades pero da súa mellora depende a oportunidade que miles de millóns de persoas terán nun período de tempo relativamente corto. Calquera escenario de futuro en termos de crecemento económico, tendencias de poboación e uso da enerxía, representa un reto xigantesco. O desafio da enerxía sustentábel, exixirá un esforzo compartido das organizacións internacionais, os gobernos nacionais, o sector enerxético e a sociedade civil. As decisións son e serán difíciles pero o que está en xogo vaino exixir. A enerxía non é nin mercadoria nin mercado, exclusivamente. Na súa xestión ten que haber participación dos axentes sociais, transparencia, control, regulación. As fronteiras ou o concepto de servizo público teñen que manterse porque só nese espazo se poderán conciliar dereitos e obrigas.



As nosas propostas de acción

Dereito á enerxia SOS Futuro desenvolve as súas actividades en todos os lugares do mundo onde, debido ao subdesenvolvemento ou á falta de infraestrutura, a poboación non ten acceso á electricidade. Tamén intervén nos países desarrollados onde queira que a precariedade prive a homes e mulleres dese ben fundamental. Dentro deste marco, a organización formulou varias propostas: 1. Creación dun organismo mundial de electrificación: No ámbito do acceso á enerxía e, en particular, á electricidade, propoñemos a creación dun organismo mundial único para que cumpra unha triple función:
    • Política: Baixo os auspicios das Nacións Unidas, este organismo avaliaría proxectos definidos en función do contexto local onde haxa problemas enerxéticos. A súa misión consistiría en definir prioridades respecto de cada un dos obxectivos xerais previamente debatidos cos interesados locais e rexionais e todas as partes interesadas.
    • Financeira: Este organismo estará a cargo de negociar e recadar os fondos necesarios entre os organismos internacionais pertinentes (Fondo MonetarioInternacional, Banco Mundial, bancos rexionais de desenvolvemento, etc). Terá a responsabilidade de concertar os acordos financeiros máis apropiados en función dos distintos contextos e necesidades e de solicitar a participación de operadores públicos e privados. Ofrecerá garantías aos operadores que realicen inversións, con determinadas condiciones: teñen a obriga de impartir capacitación ao persoal e transferir a explotación e a xestión das instalacións a os interesados locais conforme a un calendario establecido.
    • Tecnolóxica: Este organismo poderá contratar os servizos de expertos técnicos para que presten asesoramento ou den validez aos proxectos que se decida executar.
  1. Creación dun observatorio de recursos fósiles, considerados parte do patrimonio mundial da humanidade:
A conciencia que se ten da diminución progresiva dos recursos fósiles debería traducirse no establecemento dun mecanismo de avaliación deses recursos. O coñecemento do estado das reservas é un factor decisivo á hora de elixir as opcións enerxéticas máis convenientes a nivel mundial e constituirá un recurso valioso na adopción de decisións e en materia de previsión.
  1. Establecemento de novos criterios de avaliación das empresas:
A nosa organización propón que se establezan novos criterios para la avaliación das empresas, utilizando como modelo o índice de desenvolvemento humano do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), que inclúan a dimensión ambiental. A incorporación desta dimensión ás avaliacións económicas e sociais convencionais permitiría determinar os tipos de interese aplicábeis aos créditos financeiros.
  1. Colaboración entre o sector público e o privado:
Para varios países en desenvolvemento, os medios necesarios para acceder ás inversións en infraestrutura e produción e distribución enerxéticas exceden con creces da súa capacidade financeira. De aí que a contribución das empresas do sector enerxético sexa indispensábel. Neste contexto é importante que as políticas establecidas polos gobernos sexan claras, inclúan normas concretas e se definan en particular en función da misión de servizo público ou de interese xeral que cumpren: o establecemento de tarifas únicas e do prezo do kWh, entre outras cosas. Recomendamos o establecemento de alianzas multilaterais:
    • A nivel nacional, cos gobernos, para definir a política enerxética do país e establecer un marco normativo para as operacións. A alianza pode establecerse, por exemplo, co ministerio a cargo da política enerxética do país.
    • A nivel local, cos principais interesados, por tratarse das persoas ou entidades que están en mellores condicións de determinar con precisión que necesidades hai e que prioridades concretas existen na esfera do acceso á enerxía, en particular no mundo rural.
    • Coas organizacións locais: as organizacións non gobernamentais son un vínculo necesario coa estrutura social que permite á poboación participar na adopción de decisións en materia de política enerxética.
    • Cos operadores do sector, xa que poden proporcionar os seus coñecementos técnicos e parte da capacidade financeira necesaria.
    • Con Dereito á enerxía SOS Futuro, que terá como función dar validez a estes proxectos e catalogalos.
Na Galiza a 9 de Maio de 2008.

Asdo/Fermin Paz Lamigueiro. Membro do Buró e do Consello de Administración da Asociación Internacional “Dereito á Enerxía-Sos Futuro*


*A ASOCIACIÓN DEREITO Á ENERXÍA Fundada no ano 2000, DEREITO Á ENERXIA SOS FUTURO é unha Organización Non Gubernamental Internacional que ten a súa sede social na Franza. Ten o estatuto consultivo especial ante o Consello Económico e Social das Nacións Unidas


Os seus membros activos son representancións ou personalidades: 450 asociacións provenientes de 70 países repartidos en catro continentes e que representan casi 40 millóns de membros aderidos. Os seus obxectivos, son:

– Reunir aos que queren traballar polo recoñecemento do dereito á enerxía como un dereito fundamental do home, un reparto máis xusto dos recursos enerxéticos e a protección do medioambiente do planeta.

– Mobilizarse en relación ás situacións extremas de indixencia enerxética no mundo.

– Iniciar propostas concretas e construtivas, en asociación coas grandes institucións internacionais, os gobernos e actores importantes da sociedade civil na súa totalidade. É evidente que para nós a enerxía pode e debe servir de potente ferramenta para un desenvolvemento sustentábel. A sustentabilidade e os aspectos sociais da enerxía son unha preocupación constante para a nosa organización, por isto o titulo e a proposta de xornada de traballo aos principais e diferentes actores do sector enerxético en Galiza, a celebrar en Santiago de Compostela o dia 13 de maio do 2008, coincidindo cunha xuntanza do Buró da nosa Asociación.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: