Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MÚSICA

Un disco para 'Colorín'

Eloi Caldeiro musicou once poemas de 'Roseira do teu mencer', nun disco dirixido especialmente aos pícaros.

Redacción - 14:02 15/05/2008
Capa do disco

Capa do disco

En 1950 Xosé María Álvarez Blázquez publicou Roseira do teu mencer, que autores como Darío Xohán Cabana consideran "a máis alta expresión do sentimento paternal nas nosas letras". Acababa de nacer a súa primeira filla, María Luisa, máis coñecida por todos por Colorín. E desa emoción, do "amor desmesurado" que sempre sentiu por ela, naceron os poemas que conforman o libro. Eloi Caldeiro, director de Sons Galiza e líder de Brath, musicou once dos poemas do libro, que compoñen un CD titulado, precisamente, Colorin. O CD véndese cun documental en DVD, realizado tamén polo músico, no que percorre a vida de Álvarez Blázquez a través de entrevistas a familiares e amigos.

O álbum está dirixido especialmente aos nenos, para os que segundo Caldeiro moi poucas veces se pensa en facer música en galego. Caldeiro e Sons Galiza van recuncar nesta teima e preparan xa para o Nadal dous novos discos, un de cancións infantís e outro de contos. Os temas de Colorín serán interpretados nos vindeiros meses deste ano Álvarez Blázquez en varios concertos que terán os pícaros precisamente como destinatarios.

Roseira do teu mencer é un libro espido de artificios, cuxos versos beben da poesía verdadeiramente popular, ademais da lírica neotrobadoresca que Álvarez Blázquez tan ben coñecía e practicou. É un libro que pode entrar no xénero da poesía infantil: Fuxe chuvia, fuxe sol/ fuxe roda de color/ que a meniña quer brincar/ coas areas do areal, pero que figura entre as obras poéticas galegas máis sólidas da primeira metade do século XX. Como mostra, os propios versos que xiran ao redor do nome da cativa: Como andábamos a rir, ventureiriña do monte!, chamámoste Colorín...".

Aquí podedes escoitar dous dos temas gravados por Eloi Caldeiro para o disco: Ai Nena!, e No rego do prado.



4.5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: