Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CORTEXO CÍVICO NO DÍA DAS LETRAS

A Coruña reivindícase como 'cidade galega'

No roteiro que percorrerá a zona vella participarán Domingos Merino, Justo Beramendi, o Mago Antón, Loretta Martin e Méndez Ferrín, entre outros.

Marcos S. Pérez - 11:45 16/05/2008

A galeguidade da Coruña e mesmo a súa raigame fondamente galeguista, histórica e socialmente, é algo que debería quedar fóra de calquera dúbida ou debate. Ou así é até que nas últimas tres décadas unha serie de actuacións políticas construíron "unha versión distorsionada da cidade e dos seus habitantes", en palabras de Pepe Barro, que a través da Asociación de Veciños da Zona Vella da Coruña, é un dos promotores do Cortexo Cívico que dende hai cinco anos percorre as rúas do barrio.

Nesta ocasión, o cortexo cívico terá un cariz medieval, celebrando os 800 anos da cidade e lembrando a Roi Xordo, líder irmandiño soterrado na Colexiata de Santa María do Campo. O roteiro rematará no agro da Colexiata, onde Domingos Merino (primeiro alcalde democrático da cidade despois da ditadura) lerá catro actas das xuntanzas que na Idade Media mantiñan neste lugar os habitantes da cidade para decidir os asuntos públicos. Son as únicas que se conservan, escritas evidentemente en galego, e dan conta, en palabras de Pepe Barro, da tradición democrática da Coruña, "única cidade do país libre de señores no medievo".

O roteiro, que o pasado ano xuntou unhas mil persoas, comezará ás 11.30 na praza de María Pita e percorrerá a Igrexa de Santiago, a rúa Afonso VIII, Capitanía, Porta de Santo André, Casa de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, Rúa da Sinagoga e, contra as dúas da tarde, a Colexiata. En cada unha das estacións deste cortexo cívico, distintos veciños da Cidade Vella presentarán a importancia dos lugares polos que discorra o percorrido, e falarán das persoas que viviron ou traballaron alí.

Participarán, entre outros, Justo Beramendi, Cándido Pazó, Manuel Cao (Patrón Maior da Confraría de Pescadores da Coruña), Uqui Permui (Presidenta da Asociación de Deseñadores Galegos) e varios conxuntos musicais. Entre eles destacan a Fernando Llorca Ensemble, que presentará unha peza composta para a ocasión, e a actuación do Mago Antón, que en tres minutos e a través da maxia, explicará a orixe da bandeira galega.

No acto final, no agro da Colexiata, intervirá tamén Xosé Luís Méndez Ferrín, que a través do teléfono móbil (o sábado participará nos actos da Academia en Vigo), lerá para todos os asistentes o seu poema Roi Xordo.

Imaxes do cortexo do pasado ano


4.76/5 (17 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: