Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CONCERTOS

Música para as Letras

A Coruña, Santiago, Milladoiro (Ames), Burela e O Couto (Ponteceso) organizan concertos e festivais para celebrar o 17 de maio.

Redacción - 10:27 17/05/2008

En Compostela, a música comezará na Alameda ás oito da tarde, nun festival conducido por Os da Ría, que serán os mestres de cerimonias e irán dando paso aos distintos concertos e máis á presentación da campaña da Fundaçom Artábria para dedicarlle as Letras Galegas do ano próximo a Ricardo Carvalho Calero. Despois do pregón, lido por Sechu Sende, actuarán sucesivamente Ataque Escampe, The Homens, e Sacha na Horta, as gañadoras da última edición de A polo ghit!, que pecharán a Festa do dezassete, organizada polo C.S. A Gentalha do Pichel.

Na Coruña, a cita é ás oito da tarde no Parque de Santa Margarida, co festival Festexando 365 días de vivirmos en galego, que contará coas actuacións de Pablo Díaz, Chámalle Xis!, Loretta Martin, Transilvanians e Skárnio. Ademais, intervirán os regueifeiros O xordo e o caco (Benito Lobariños e Josiño de Teixeira).

Pola súa banda, en Milladoiro (Ames), a Festa da Lingua reunirá a Leo i Arremecaghoná!!!, Noise Project e Ruxe-Ruxe, a partir das dez da noite diante da Casa da Cultura.

En Burela, aínda que non se trata dun festival específico creado para festexar o Día das Letras, a Festa da Marosa cadrou este ano da fin de semana do 17 de maio, e achegará durante dous días un feixe de concertos que de seguro atraerá a atención dos afeccionados á música de toda a Mariña. Este sábado, a partir das dez da noite pasarán polo escenario Os Estoupacaldeiros, Sobre rodas, Banda Potemkin, Manecas Costa e Bonovo.

Finalmente, a Asociación Cultural Monte Branco do Couto (entre Corme e Ponteceso) organiza a vixésimo sexta edición da súa Festa das Letras, na que actuarán Pé de Boi e Kepa Junkera.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cartaz da Festa da Lingua de Milladoiro
Cartaz da Festa da Lingua de Milladoiro
Concertos da Coruña
Concertos da Coruña
Cartaz da Marosa de Burela
Cartaz da Marosa de Burela