Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ACTOS OFICIAIS DO 17 DE MAIO

Álvarez Blázquez recibe o merecido recoñecemento da cultura galega

Redacción - 16:16 17/05/2008

O acto central das celebracións do 17 de maio tivo lugar en Vigo, cidade na que Xosé María Álvarez Blázquez desenvolveu a maior parte da súa actividade. No Auditorio do Concello estiveron presentes ao redor da metade dos membros da Real Academia Galega, encabezados polo seu presidente Xosé Ramón Barreiro, xunto con autoridades como a conselleira de Cultura Ánxela Bugallo, a presidenta do Parlamento Dolores Villarino e representantes da corporación municipal viguesa.

No acto interviron tres dos académicos Xosé Luís Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana e Víctor Freixanes, que salientaron o traballo de Álvarez Blázquez na construción da cultura galega, así como a relación persoal que en maior ou menor medida lles uniu a el. Nas intervencións reclamouse así mesmo a colaboración da Xunta e das universidades galegas para a organización dun congreso monográfico sobre a figura de Álvarez Blázquez, así como o impulso para a creación dunha fundación, tal e como expuxo a familia deste autor.

Así, Darío Xohán Cabana explicou na súa alocución que "sería fermoso" que a universidade convocase un acto no que estudiosos, editores, historiadores, escritores, xornalistas ou filatélicos acudisen para falar "de quen foi o seu mestre" nun "congreso multidisciplinar que infelizmente aínda non se convocou". Así mesmo, recordou que "Vigo ten unha gozosa débeda con Álvarez Blázquez que nunca poderá ser pagada", en relación á súa actividade como historiador, arqueólogo e editor na cidade olívica.

Pola súa banda, Xosé Luis Méndez Ferrín salientou a "sensibilidade artística" e o "patriotismo" do homenaxeado, mentres que Víctor Freixanes sobre a achega innovadora de Álvarez Blázquez no proceso de creación dunha industria editorial galega durante a ditadura, tanto no ámbito da recuperación de escolma de textos coma nos mecanismos de edición e distribución de obras.

"Exiliado na propia terra"

No seu discurso, que pechou o acto, Xosé Ramón Barreiro, presidente da RAG, subliñou a figura do homenaxeado como un "símbolo dos exiliados na súa propia terra", e mencionou as circunstancias de "tormento e medo" que viviron aqueles autores e intelectuais que non abandonaron o país durante a represión franquista. Así pois, de hai dous anos a homenaxe a Lorenzo Varela estendía o recoñecemento a todos os que fuxiron da represión, a de Álvarez Blázquez podería ser entendida como unha homenaxe aos que ficaron e sufriron a ditadura na propia terra.

O presidente da Academia recordou que a Ditadura "cortoulles as ás, quíxolles privar da palabra, deixalos mortos-vivos" e, nese sentido, aseverou que as celebracións deste ano con motivo do Día dás Letras Galegas, son unha "homenaxe ás voces anónimas que loitaron pola democracia e a liberdade". Segundo Barreiro, "moitos pensan que é mellor deixalo aquí e calar", pero advertiu de que "iso sería unha inxustiza" e que "o primeiro é rehabilitar a memoria e despois esquecer". A ese respecto, recordou as palabras do galardoado co premio Cervantes, Juan Gelman, sobre que "as feridas non están pechadas e o seu único tratamento é a verdade".


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: