Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Esta ampliación afecta a vairos espazos naturais

Verdegaia demanda respecto aos valores naturais na ampliación da estrada Covas-San Xurxo

Verdegaia demanda que as obras de ampliación da estrada Covas-San Xurxo (Ferrol) sexan escrupulosamente respetuosas cos valores naturais da zona afectada. Require da Deputación Provincial que se teñan en conta unha serie de criterios ambientais á hora de executar as obras co obxecto de integrar a estrada no contorno e salvagardar as comunidades vexetais e os hábitats de interese. A estrada a ampliar e mellorar descurre entre varios espazos naturais da Rede Natura 2000 (L.I.C. "Costa Ártabra" e Z.E.P.A. "Costa de Ferrolterra-Valdoviño") e o Humidal das Cabazas (en trámites de ser declarado Humidal Protexido).

Verdegaia - 18:17 20/05/2008

En relación ao proxecto de "Ampliación e Mellora do Trazado da Estrada C.P. 3606 de Covas a San Xurxo (Ferrol)", promovido pola Deputación Provincial de Coruña, Verdegaia informa que ven de remitir un escrito a dito organismo para demandar que o proxecto sexa o máis respetuoso posibel cos valores ecolóxicos e paisaxísticos da zona afectada, dado que o vial a ampliar e mellorar descurre entre varios espazos naturais da Rede Natura 2000 (L.I.C. "Costa Ártabra" e Z.E.P.A. "Costa de Ferrolterra-Valdoviño") e o Humidal das Cabazas (en trámites de ser declarado Humidal Protexido).
No devandito escrito demandamos que, previamente ao comezo das obras, se busque un lugar axeitado para armacenar os materias de obra, instalación de galpóns, estacionamento e mantemento de maquinaria, etc., co obxecto de evitar o deterioro das zonas ambientalmente sensibeis existentes nas marxes da estrada.
Tamén se pide que os materiais sobrantes procedentes das obras (entullos, pavimento asfáltico, terra, pedras, etc.) non se depositen ou se extendan polas marxes da estrada, coa fin de non afectar a comunidades vexetais de interese ou aos hábitats naturais que motivaron a protección do contorno afectado. Neste senso, pídese que ditos materias se trasladen a un lugar axeitado para a sua correcta xestión, evitando que sexan cedidos a particulares, dado que na maioría dos casos son utilizados en recheos ilegais de brañas, leiras, etc.
Tamén se demanda que se teña especial coidado de non afectar a varios matos de Camariña (Corema album), por tratarse dunha especie vexetal en regresión. Para elo, pídese que as obras de ampliación da estrada se efectuen nesta zona cara a marxe oposta.
Asimesmo, solicítase que o novo trazado resultante das obras de ampliación e mellora se adapte, na medida do posibel, á rasante do terreo para evitar a formación de taludes desproporcionados que ocasionen un impacto paisaxístico importante. Naqueles casos nos que non quede outra alternativa, esíxese que os taludes se acondicionen e perfilen debidamente para permitir unha pronta integración da estrada no contorno.
Por outra banda, Verdegaia manifestouse contraria á modificación do trazado da estrada no treito comprendido entre os pontos quilométricos 1 + 250 e 1 + 520 (na curva de esmelle), sendo partidaria de que se manteña o trazado orixinal nesta zona con outro tipo de melloras, dado que implicaría invadir parte da braña constituida polo Rego de Soagraña (integrada na Rede Natura). Non obstante, de ser absolutamente necesaria
dita modificación para mellorar a seguridade vial, pídese que as obras se axusten estrictamente ao espazo que ocupe o novo trazado, evitando que a maquinaria transite por fora de dito ámbito; que non se depositen entullos ou outros materias de obra sobre a braña ou lugares adxacentes e que non se drague o Rego de Soagraña neste ponto.
Co obxecto de integar no contorno natural o aparcadoiro previsto fronte ao camping existente na zona, demándase que se pavimente con celosías prefabricadas de formigón, tipo Recyfix (o mesmo pavimento que se instalou nos aparcadoiros da Praia de Doniños), en sustitución do pavimento asfáltico. Tamén se pide que a ampliación dos arcéns para o tránsito peonil, denominado paseo "slurry", vaia ao mesmo nivel que a estrada, se pinte de cor verde e se delimite cun tipo de adoquín inserido no pavimento de forma descontinua a modo de bolardos, evitando así a construción de beirarruas convencionais. Tamén se demanda que non se cimenten as novas gávias ("cunetas"). Estas medidas contribuirían a minimizar enormemente o impacto paisaxístico das obras de sobredimensionado da estrada, evitando o desvirtuamento do contorno natural no que se levan a cabo.
Por último, no treito onde cofluen o L.I.C "Costa Ártabra" e o Humidal das Cabazas, pediuse a instalación de pasos e sinalización vertical específicos para anfibios (ras, sapos, pintafontes, píntegas, etc.), debido á existencia de brañas nesta zona, dado que nalgunhas ocasións prodúcese un importante número de atropelos cando queren cruzar a estrada neste treito. Nos paises do Norde da Europa é unha medida habitual nas estradas. De feito, nestre tramo tense instalado sinalización vertical alertando da presenza destas especies que pouco despois desapareceu.
Estas e outras medidas non so foron esixidas á Deputación Provincial, promotora do proxecto, tamén se puxeron en coñecimento do Concello de Ferrol, da Consellería de Medio Ambiente e da Demarcación de Costas en Galicia (promotora do aparcadoiro e do paseo slurry, entre outras actuacións).


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: