A lista de cruceiros, cruces e petos de ánimas do país quedará á fin reunida, nun proceso de catalogación que rematará coas bisbarras de Santiago, A Coruña e Terra de Lemos.
Trátase dun proxecto iniciado na altura de 1993, e que cada ano fai un seguimento en novas comarcas do país, facendo polo miúdo un inventario patrimonial. Agora mesmo está finalizado o 90% do traballo estimado pola Dirección Xeral de Patrimonio.
O equipo de traballo estudará en 2008 os concellos de Ordes, Mesía, Cerceda, Tordoia, Val do Dubra, Trazo e Oroso na comarca de Ordes; Outeiro de Rei, Friol, Lugo, Castroverde, Guntín, Portomarín e O Corgo na comarca de Lugo; e Cea, Beariz, O Carballiño, O Irixo, Piñor, Maside, Boborás, Punxín e San Amaro na comarca do Carballiño.
En 2009 trasladaranse os traballos aos concellos da Coruña, Oleiros, Sada, Bergondo, Arteixo, Cambre, Culleredo, Carral e Abegondo na comarca da Coruña; Santiago, Ames, Brión, Teo, Boqueixón e Vedra na comarca de Santiago, e O Saviñao, Bóveda, A Pobra de Brollón, Monforte, Pantón e Sober na Terra de Lemos.
O Consello da Xunta aproba este xoves o convenio polo que a consellaría de Cultura achegará 45.000 euros para os traballos, que desenvolverá un equipo da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.
Xa era hora, para o estudo dos "lares viais" é fundamental ter documentada a situación dos cruceiros do país. Estaría ben que estivese relacionada ca epigrafía dos lares, para así ter un traballo mais completo, así como cando se construíron os cruceiros de cada localidade.