O rexedor vigués admite que quere alguén "en sintonía" nese cargo. O PSdeG tentará evitar que o goberno español confirme o nomeamento de Teresa Pisano.
Un perfil menos técnico e máis político. E por político, e atendendo ás propias declaracións esta quinta feira do alcalde de Vigo, trataríase de alguén que non se erixise en contrapoder ao propio rexedor e que fora maleábel á estratexia municipal.
O nomeamento do delegado do Estado na Zona Franca de Vigo correspóndelle ao Ministerio de Economía, e esta mesma semana coñecíase que a máis probábel candidata ao posto é María Teresa Pisano, delegada especial da Axencia Tributaria en Galiza. Esa posibilidade non era vista con moito agrado este xoves polo alcalde vigués. Preguntado ao respecto, Abel Caballero declaraba que se trata dun cargo que debe ocupar alguén con boa capacidade de xestión, técnica e de diálogo e subliñaba a continuación que debe ser ademais alguén con quen o propio rexedor, que á vez é presidente do Consorcio da Zona Franca, "debe estar seguro de que vai conseguir un bo entendemento".
O PSdeG tratará de mudar a elección
Nesa demanda, Caballero contará co apoio do partido, xa que a dirección socialista en Galiza tratará de frear a escolla de Pisano coa fin de buscar "alguén de consenso", cun perfil menos técnico e máis político. A presión evitaría así que o Consello de Ministros anunciase a designación de María Teresa Pisano, prevista para este mesmo venres.
Así e todo, a persoa inicialmente proposta polo PSdeG, a delegada territorial de Tragsa, María Luísa Graña, non tería a aprobación do actual ministro de Economía, Pedro Solbes. Por este motivo, as dúas partes tratarían de adiar a elección coa fin de buscar unha alternativa de consenso. Fontes socialistas refírense á necesidade de apostar por alguén de perfil político e que "comparta" proxectos coa administración local ou galega. Ao fío, destacan que nos casos por exemplo da Zona Franca de Barcelona ou Cádiz, atópanse á fronte perfís "moi políticos", como son o caso do ex alcalde de Tarrasa e presidente da deputación provincial, ou no caso andaluz, do alcalde de Chiclana.