Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MOVEMENTOS PRECONGRESUAIS NO PSdeG

Touriño traga coa 'provincialización' a cambio de mans libres para os comicios

Mentres a militancia discutía os textos congresuais, o secretario xeral dos socialistas galegos e os partidarios de Xosé Blanco asinaban unha tregua.

R. Vilar - 12:30 27/05/2008

A dous meses do Congreso Federal do PSdeG e cando aínda as agrupacións comarcais acaban de discutir as emendas aos textos oficias, o aparato ultima acordos para que a cita de xullo sexa o máis tranquila posíbel. Ninguén nega que o partido ten nestes momentos dúas grandes correntes: a liderada por Emilio Pérez Touriño e a que pilota Xosé Blanco. Mentres o primeiro ten nas súas mans todos os resortes que dá a Xunta o de Palas de Rei posúe ascendencia sobre numerosos cargos orgánicos do PSdeG.

Durante as últimas semanas os dous bandos mantiveron un pulso sobre como ten que ser a futura organización territorial dos socialistas galegos. A cuestión era crucial. Mentres que Blanco apostaba por crear fortes estruturas provinciais “para mellorar a maquinaria electoral”, Touriño vía nesta proposta unha manobra para restarlle poder interno.

A clave: as listas electorais?
A explicación é doada. A proposta de Blanco contempla secretarías provinciais con amplos poderes. O PSdeG quedaría dividido organicamente en catro provincias, cada unha destas dotaríase dos seguintes órganos: Congreso Provincial, Comité Provincial, Comisión Executiva Provincial e Comisión Revisora de Contas.

Os socialistas pasarían a ter congresos provinciais cada catro anos nos que escollerían cargos que gozarían dunha importante autonomía. Segundo documentos aos que tivo acceso Vieiros, a Executiva Provincial interviría nos conflitos municipais, faría un seguimento da afiliación e o que é máis importante: decidiría quen son os candidatos pola circunscrición nas eleccións galegas e nas españolas.

Moitas comarcas ven con bos ollos a chamada “provincialización” porque coidan que é unha maneira de ter máis peso na estrutura partidaria. As bases partidarias deste novo organigrama elaboraron emendas nas últimas semanas nas que apostan por celebrar congresos provinciais este mesmo outono.

Todo cociñado: primeiro son as eleccións

Pero a cúpula PSdeG ten claro que non quere rebumbio. Os socialistas están convencidos de que poden sacar un gran resultado nas vindeiras eleccións e incluso soñan con superar a un PPdeG que mira incrédulo a grave crise que vive o seu partido a nivel estatal.

Para non arriscar o máis mínimo, tal e como apunta este martes La Voz, Touriño e o home forte Blanco en Galiza, Ricardo Varela, pactaron deixar o pulso para logo das eleccións. O presidente da Xunta sabe que vai ter que tomar o trago amargo da “provincialización” pero a cambio ten mans libres para optar a unha segunda lexislatura levando canda si nas listas a boa parte dos seus máis estreitos colaboradores.

Diferentes cadros comarcais consultados por Vieiros mostraron o seu malestar porque pensan que este tipo de acordos na cúpula couta o debate entre a militancia. As razóns do enfado son comprensíbeis: até este domingo houbo asembleas de afiliados para decidir as emendas aos textos oficiais.


4,83/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: