Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FRANCISCO DÍAZ-FIERROS, PREMIO NACIONAL DE CULTURA CIENTÍFICA

"Antes a ciencia era a 'ciencia do pobo', agora está cada vez máis afastada da sociedade"

O xurado dos premios recoñeceu a traxectoria do do investigador, Catedrático de Edafoloxía na USC e vicepresidente do Consello da Cultura.

Marcos S. Pérez - 12:57 28/05/2008

Francisco Díaz Fierros leva anos xuntando nas súas investigación ciencia e cultura, o rigor das pescudas e a vontade de que os seus traballos contribúan á construción da sociedade e á solución dos seus problemas. O Premio Nacional de Pensamento e Cultura Científica recoñece a súa traxectoria, centrada na preocupación pola cuestión ambiental en Galiza, o valor dos solos ou os lumes forestais.

Hai ciencia sen cultura e cultura sen ciencia?
Non, teñen que ir unidas necesariamente. Por iso é tan importante que estes premios inclúan unha categoría dedicada á 'cultura científica', dentro dunha visión moi ampla e moi moderna da cultura. En xeral cómpre actualizar as visións tradicionais, limitadas ás letras e ás artes.

Como é a relación entre a ciencia e a sociedade, hoxendía?
Existen moitas dificultades para que o coñecemento científico chegue á sociedade, para que teña esa cualidade social e esa proxección sobre a vida cotiá da xente. Iso é algo que se foi perdendo nos últimos anos. Nos anos setenta ou oitenta a ciencia era 'ciencia para o pobo', agora está cada vez máis afastada da sociedade. A razón principal son as enormes presións que exerce a carreira científica sobre os investigadores, sobre todo sobre os máis novos, que acaban por ficar obsesionados con ela, máis preocupados por ela que polo contido e proxección do seu traballo.

E entre a ciencia e os medios? Conséguese traducir o traballo dos científicos á linguaxe da rúa?
A linguaxe da ciencia é hermética, iso é así, e polo tanto existe unha dificultade real por chegar aos medios e á sociedade. Pero tamén existen mecanismo para traducila. Neste caso creo que os medios fan máis por achegarse aos investigadores que ao contrario. Existe unha gran pasividade na comunidde científica nese aspecto.

Pero non existe tamén nos medios unha obsesión polo 'titular' e polas novas máis rechamantes, alén da súa importancia real?

Si, claro, ese é un feito vello, algo que vén de hai moitos anos xa. É o que nós chamamos 'o escaparate da ciencia', que é o que reclaman os xornalistas, o que chama a atención. Hai unha barreira entre uns e outros, que ten dous elementos fundamentais: os medios queren feitos que se poidan explicar en dúas palabras, e iso non sempre é posible; e os medios queren tamén feitos categóricos, que non admitan discusión, e plenamente consolidados, e a ciencia ten outra forma de traballar moitas veces: por aproximacións sucesivas, con hipóteses...

En calquera caso, en ocasións si que se consegue facer un debate de ideas, e transmitilo. Falo por exemplo dos foros organizados polo Consello da Cultura sobre as causas dos lumes en Galiza, por exemplo...

Si, paréceme un exemplo magnífico, que non quería citar por ser eu un dos responsables. A través deses 'foros híbridos', que foron realizados sucesivamente o pasado ano, conseguimos houbese un diálogo fluído entre científicos, políticos, ecoloxistas e mesmo xornalistas. Iso deu como resultado que se chegase a algunhas preguntas e respostas moi importantes e necesarias ao redor das causas dos lumes,

En que medida mudou nas últimas xeracións de galegos a percepción sobre a cuestión ambiental?
Mudou radicalmente nos últimos vinte anos. Até os anos 50 ou 60 a única proposta era a de crear industrias, a calquera prezo. Pero nos anos oitenta ábrese unha nova xeira, na que entran no debate outros factores de respecto ao medio natural, no que teñen moito que ver os colectivos ambientalistas, os científicos e os medios de comunicación, que realizan un traballo moi bo.

E a relación do home co seu entorno natural como muda?
Agora faise unha valoración moi distinta do medio natural, e tamén doutros conceptos que antes non existían, como o da paisaxe. Había, e segue habendo, unha diferente consideración entre o home da cidade, que si ten estes valores, e o do campo, que quizais ten unha valoración máis cativa, produto, precisamente, da súa relación directa con ese entorno, unha relación de dependencia económica.

Optimista?
Si, son moderadamente optimista. Malia ás desfeitas e á destrución, sobre todo no litoral, que está provocando o urbanismo salvaxe, penso que as medidas de control postas en marcha polo goberno poden axudar a aprazar o problema para que sexan as vindeiras xeracións, que xa terán outra percepción da importancia do medio natural, quen poidan protexer definitivamente eses espazos.


4.56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: