ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONTA ATRÁS PARA OS COMICIOS GALEGOS

O BNG prepara unha Asemblea Nacional para elixir candidato á Xunta

Aínda que ninguén dubida que Quintana volverá ser o cabeza de cartel, as diferentes tendencias reorganízanse para tomar posicións internas.

R.Vilar - 12:00 06/06/2008

A pouco máis de nove meses dos comicios galegos, o BNG prepara unha Asemblea Nacional para nomear candidato á presidencia da Xunta. Aínda que non hai data para a mesma, fontes da organización consideran que a cita podería ter lugar no último trimestre do ano. A obrigatoriedade da asemblea discutiuse nun Consello Nacional celebrado o pasado mes de maio. Os estatutos explicitan que os afiliados teñen que escoller o candidato á Xunta.

O BNG vai estrear así nos vindeiros meses (logo dun duro debate na última Asemblea Nacional celebrada en 2006) a primeira asemblea por delegados da súa historia. Cada comarca designará os seus representantes en función do número total de afiliados. Agárdase que sexan arredor de 1.500 os militantes con dereito a voto. Porén hai quen considera que, para evitar tensión internas a poucos meses dos comicios, a dirección podería dar a sorpresa e permitir unha asemblea aberta a toda a militancia.

Ninguén dentro do BNG, incluso os seus opositores, dubida que Anxo Quintana repetirá como candidato á presidencia da Xunta. Porén, resta por ver se vai haber algunha outra proposta. Un precedente hai que buscalo en 2003, cando Camilo Nogueira se presentou como candidato alternativo, obtendo algo máis do 22% dos votos fronte a un 75% de apoios que logrou o de Allariz.

Mensaxe de unidade en vésperas de eleccións
Nestes momentos aínda non está decidido se a asemblea vai ser de carácter extraordinario ou ordinario. A diferenza é clara: se é extraordinario, o cónclave nacionalista só elixirá o candidato; se se opta polo segundo caso, haberá que renovar todos os órganos de dirección e discutir as teses políticas da organización.

Hai que lembrar que a última Asemblea Nacional ordinaria na que se mudou a Executiva Nacional tivo lugar en decembro de 2006. Os estatutos establecen que a seguinte asemblea ten que ser entre 2 e 3 anos despois (neste caso entre decembro de 2008 e decembro de 2009). Fontes da dirección nacionalista consultadas por Vieiros consideran que o máis probábel é que se opte por unha asemblea extraordinaria “máis tranquila” para elixir o candidato este mesmo outono e que se adíe para despois dos comicios autonómicos a ordinaria.

Movementos internos
Conscientes de que o BNG ten que enfrontarse nos vindeiros 18 meses a tres citas claves (elección de candidato á presidencia da Xunta, comicios galegos e Asemblea Nacional) as diferentes sensibilidades que conviven na fronte nacionalista apuntalan as súas estruturas internas.

O chamado sector “quintanista”, unha corrente que ten como centro de gravidade ao actual voceiro nacional do BNG, celebrou o pasado sábado unha reunión nun céntrico hotel de Compostela. Ao encontro acudiron preto de 300 militantes de todo o país e no mesmo decidiuse os nomes dos coordinadores nas diferentes comarcas e a estratexia a adoptar de cara os comicios. Ademais do vicepresidente da Xunta, na reunión atopábanse numerosos cargos do Goberno, concelleiros, alcaldes e deputados.

Pola súa parte, o que segue a ser o partido hexemónico dentro do Bloque, a UPG tamén está a manter reunións para definir o seu posicionamento. O seu secretario xeral, Francisco Rodríguez, que até este mesmo ano ocupaba un escano en Madrid, é agora o encargado de robustecer e reorganizar internamente o partido.

O denominado “sector crítico” (Encontro Irmandiño, Movemento pola Base e A Alternativa) que na Asemblea Nacional de 2006 aglutinou o 38% dos votos da militancia tamén move pezas. A pesar dos múltiples contactos dos últimos meses para coordenar unha posición común, cada corrente mantén a súa autonomía. Aínda así, as críticas cara a dirección son as mesmas: consideran que a mensaxe nacionalista e de esquerdas está diluída á vez que consideran que os órganos de decisión internos perderon peso.


4,5/5 (24 votos)

Comentarios (22)

Moltres #1 6/Xuño/2008 Moltres
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Os do Bloque o que teñen que facer é remar todos xuntos de cara as eleccións e logo, cando se consiga o obxectvo, discutir abertamente o que haxa que discutir. Os críticos teñen que ter claro que o BNG ten que estar no goberno e os quintanistas e a UPG teñen que deixar de intentar monopolizar o BNG e praticar máis a democracia. Non poden esquecer que as listas alternativas tiveron na última asamblea o respaldo de dous de cada cinco militantes. Olliño. Así que máis altura de miras por todas as partes. Os uns que non se refuxien na hipercrítica permanente e os outros que non pensen que os coches oficiais lles dan carta verde.

simplementeego #2 6/Xuño/2008 simplementeego
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O q ten q deixar de facer o bloque é precisamente eso, deixar de mirarse tanto o ombligo, de pensar en clave de estomago=electoral, e pensar no que esta facendo: o maior retroceso do nacionalismo desde fai moitos anos. Hai q pensar máis no pais e menos na nova burguesia galega.

Xeonllo #3 6/Xuño/2008 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Non é digno candidato á presidencia do goberno galego por parte de calquera partido, e moito menos dunha forza nacionalista como o BNG, alguén que fale tan mal a lingua do país como Anxo Quintana, que non fai máis que dar exemplo a todos os galegos de como non se debe falar o noso idioma. Como non son dignos concelleiros ou alcaldes do BNG aqueles que, como o seu xefe (e aínda peor), mantéñense contumaces e sen faceren a menor rectificación no seu labor de esmagar o galego alí onde van e cada vez que abren a boca co seu acento, xiros e vocabulario madrileño de pura cepa.

Anti_Lusista #4 6/Xuño/2008 Anti_Lusista
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

"O denominado “sector crítico” (Encontro Irmandiño, Movemento pola Base e A Alternativa) que na Asemblea Nacional de 2006 aglutinou o 38%" Quén dixo que eran mais do 50% .As mentiras sempre saen á luz e xa se ve o 38%, que ainda así non é unha miguiña pero non se pode esaxerar tanto as porcentaxes.

Certo é que tenselle que esixir aos políticos un dominio da linguaxe moito maior, pero avancemos primeiro nas eleccións e despois falamos.

Anti_Lusista #5 6/Xuño/2008 Anti_Lusista
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

*quen

Lidor #6 6/Xuño/2008 Lidor
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Efectivamente, todos a remar e despois xa se verá.

Xeonllo #7 6/Xuño/2008 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

É que é o de sempre, elección tras elección, o que máis parece importar é conseguir a poltrona, o escano, e nada máis. Como un PP ou PSOE calquera, mais con resultados moito peores.

caxato #8 6/Xuño/2008 caxato
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Hai tempo que o discurso político no BNG é "rema e rema caladiño e coa cabeza baixa". A excusa do medo á volta do PP produce monstruos.

simplementeego #9 6/Xuño/2008 simplementeego
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Hai cousas q fai o BNG q non as fixo o PP, vexamos pois como industria entrega os montes comunais nas mans das eolicas e grandes grupos. Últimamente xa non se sabe o que é peor.. O medo a que volva o pp? visto lo visto...

Gaviotero #10 6/Xuño/2008 Gaviotero
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

En todo caso, elegirán candidato a "alfombrilla" de Touriño, pues eso y no otra cosa es el puesto de Vicepresidente de la Xunta hoy en día.

ranciadas #11 6/Xuño/2008 ranciadas
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Si, nós estamos pensando tamén en elexirte a ti para que limpes todos os vateres de San Caetano.

mceleiro #12 6/Xuño/2008 mceleiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Unidade, unidade, todos a legitimar o absurdo. Uma assambleia dessas de repartir postinhos, fazer fotos e aplaudir. Para falar de objectivos ou programas políticos o bng já não faz assambleias.

Remar está bem, mas há que saber cara onde. Porque a barquinha igual sofre um trágico naufrágio.

Parece ser que o único que se quere remar é os votinhos. Para que? Para ver que são peor que o fragismo?

lourentia #13 7/Xuño/2008 lourentia
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Habería que abrir un debate: o BNG sométese á xunta ou a Xunta sométese ao BNG...esta é a cuestión.

breixoak #14 7/Xuño/2008 breixoak
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Vaia trapallada. Isto é un Bloque ou un conxunto de fragmentos?

bainha #15 7/Xuño/2008 bainha
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Aquí os únicos que non son "leais" son os oficialistas encabezados por xa sabedes quen, que últimamente ata se permiten o descaro de facer manifestacións contra o sindicato labrego galego (sic) utilizando as consellerías de industria e m. rural.
A postura do Movemento Irmandiño, a Alternativa e Pola Base desde a última asemblea nacional foi correctísima. Ninguén pode dicir que non se ativeran aos estatutos e crearan dificultades na proxección externa do BNG.
O BNG como proxecto nacional son todos ou isto non progresa, e xa vimos como nas últimas xerais se "consolidou" a perda dos 100.000 votos de 2004 a respeito do 2000. Así que se se quere avanzar non vai ser con discursos de palla, nin con escenarios montados con moita pasta. Temos unha crise diante e o BNG non se lle ve moito que digamos. Onde está nas reivindicacións do sector pesqueiro polas subas do carburante? Onde está coa carestía dos alimentos e das hipotecas? Ou o BNG é de esquerdas e fai forza para transformar isto ou se vai a merda, cargando ademáis coas débedas millonarias aos bancos de tanta parafernalia.

FROUXEIRA #16 7/Xuño/2008 FROUXEIRA
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pódese escribir e pensar o que se queira, pero o BNG só ten dúas opcións, ou ben tratar de sacar votos para coller PODER ou por outra banda facer política de esquerda pura.No caso de querer sacar votos, todos sabemos que hai que renunciar en boa medida á practica de políticas de esquerdas, e aplicando estas non se acadarian votos en cascada.Así pois hai que meditar o que se quere, pódese tratar de ser maioría conquerindo votos suficientes para poder gobernar, cousa dificil, ou tratar de aplicando esquerdismo ver que é o que sale.Penso que é o que hai, agora ben non se poden facer políticas de estancamento que o único a que poden levar, é a ser unha eterna bisagra, ou que apareza un Grupo Político que ocupe o espazo actual do BNG.

papuxa70 #17 7/Xuño/2008 papuxa70
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Gabi amanha a túa casa que ven revolta está¡¡¡¡¡

unhagrandechea #18 7/Xuño/2008 unhagrandechea
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Se queremos unha Galiza Ceive, realmente temos que apoiar con todas as nosas forzas o BNG.
Visitanos en http://www.unhagrandechea.org....

simplementeego #19 7/Xuño/2008 simplementeego
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

ese é o gran problema, pensar que o BNG ten que seguir renunciar a politicas de esquerda para afianzarse. Non se trata do que se debe facer para.. tratase de ter coherencia e facer o que hai que facer. Hai que amarrarse a poltrona ou hai que facer unha política de esquerdas que aínda non se fixo e que favoreza realmente aos habitantes dun país masacrado pola crise e a emigración brutal ao exterior. Para que sirve que estean na poltrona se para estar nela teñen que renunciar a mudar as cousas. A min ese discurso non me vale porque é unha falacia e un autoengano por quen non quere abrir os ollos: MPB e algúns máis. Dos beiristas e demais non vou falar, porque foron eles os culpables de que en parte o BNG estea onde está. O unico que lle parece preocupar é que mudou o persoal e queren meterse eles entre el tamén. Total: uns rebotaos da U.
O demais é merda electoralista que non vai a ningunha parte, a ningunha realidade verdadeira.

Xeonllo #20 7/Xuño/2008 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Eu penso que para facer o BNG unha política lingüística correcta non é necesario facer unha política radical de esquerdas nin moito menos. ¿Ou é que tanto custa que Quintanas, Olveiras e outros moitos non falasen un galego verdadeiramente grotesco e castelanizador e fixesen, en cambio, un pequeniño esforzo, moi pequeno, para corrixiren polo menos algunhas das súas barbaridades falando o noso idioma?

Xeonllo #21 7/Xuño/2008 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Nin eses esforzo están dispostos a facer, a xulgarmos polo que fan, demostrando total falta de interese. E logo teñen a cara dura de falaren de "normalización lingüística". ¿Será a normalización do castrapo, de converter o galego nun simple dialecto do castelán?

charino #22 8/Xuño/2008 charino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Castrapo = Capado ¿queredes dicir que os do BNG non teñen collóns para parar a cidade da Cultura, para non aceptar Reganosa, para legalizar as canteiras do Courel, para paralisar os aumentos de complementos? ¡Sodes uns machistas!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: