Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CONCERTO 'ALÓ IRMAO'

O 'africano' Narf e o 'galego' Manecas

O seu novo espectáculo abre este venres 13 en Compostela o ciclo 'Novas Músicas' do Salón Teatro, polo que pasarán Nordestin@s e Carmen Dor.

Redacción - 09:30 12/06/2008

Dúas voces e dúas guitarras. Iso son Fran Pérez, Narf, e Manecas Costa En Aló irmão pretenden dar unha visión diferente do continente africano. "A cotío as novas sobre África nos medios de comunicación falan de desesperanza e, sen dúbida, que iso existe, mais hai outra faciana nese continente, e creo que temos moito que aprender deles. A visión europea cínguese ao turismo e existen máis cousas. En África atopamos a miseria máis dura, pero tamén achamos as fontes da ledicia. A nivel musical é un lugar moi enriquecedor para calquera", di Fran Pérez.

Narf, de quen Quico Cadaval dixo que "é un artista que sempre tivo a teima de ler en sentido contrario todo o que lle puñan por diante. Tanto tiña se eran palabras, frases, músicas, paisaxes ou itinerarios de transportes públicos", defínese como 'cancionista', un artesán de cancións que se dedica a buscar a materia prima e os ritmos por varios continentes. Un deles é África, especialmente Mozambique, onde colaborou de maneira moi fértil co grupo Timbila Muzimba, co poeta Jose Craveirinha (autor de Quero ser tambor) ou co músico Paulo Macamo.

Manecas Costa
, de Guiné Bissau, é ben coñecido en Galiza pola súa colboración en Cantos da Maré, no último álbum de Uxía e por Humor Neghro, o espectáculo que realiza conxuntamente con Carlos Blanco e que leva meses percorrendo o país. Cantante, compositor e virtuoso guitarrista procedente de Guinea Bissau, a súa música está fortemente ligada ás ricas tradicións da súa terra, pero ao mesmo tempo é innegable a súa absoluta contemporaneidade, consecuencia dunha intelixente apreciación das músicas do mundo e reflexo do seu novo contorno, xa que é en Lisboa onde o artista ten fixada a súa residencia.

Aló irmão
, este venres 13 ás 22.00, é o primeiro dos tres concertos que compoñen o Ciclo Novas Músicas, dentro do que tamén actuarán Nordestin@s (venres 20); e Carmen Dor (venres 27).

Vídeo: Xavier Belho


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: