Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Petición da CRMH ao goberno español

Devolverlle ao pobo o que foi obxecto de "roubo e expoliación"

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica achega documentación diversa a prol do inicio dos trámites de expropiación do Pazo de Meirás.

Redacción - 09:30 12/06/2008

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, CRMH, anima a iniciar os trámites de expropiación do Pazo de Meirás, e na súa petición á delegación do goberno español na Coruña, dirixida ao ministerio de Administracións Públicas, inclúe testemuños de afectados e diversos papeis de arquivos oficiais.

A CRMH recorda que a ditadura "mentiu durante corenta anos pretendendo facer crer que foi adquirido por subscrición popular e regalado a Franco, cando a verdade é que foi adquirida como un auténtico imposto revolucionario, como o que hoxe practican os terroristas". Manuel Monge, voceiro do colectivo, lembra que se convocou unha xunta provincial que no seu momento botou man de todo tipo de "presións, ameazas, extorsións e coaccións propias da ditadura na que se vivía" para descontar obrigatoriamente a empregados públicos e traballadores unha parte da súa nómina mensual. Como aínda con esa cantidade non chegaba para comprar o Pazo, "obrigouse tamén aos concellos a facer unha achega do 5% do que ingresaban polo cobramento da contribución".

Logo da adquisición, o Paz de Meirás foi rehabilitado con cargo aos mesmos cartos públicos e doado ao ditador Francisco Franco "non como particular, senón como fundador do novo imperio, xefe do Estado, xeneralísimo dos Exércitos e caudillo de España". Máis tarde, a doazón aínda sería ampliada en 10 hectáreas de terreos, "recorrendo ás expropiacións forzosas doutras propiedades limítrofes cos mesmos métodos de presións, ameazas e coaccións".

Monge expón ademais no escrito que a petición de recuperación para o patrimonio público do terreo ten o seu fundamento no propio texto vixente da Lei de Recuperación da Memoria Histórica. Tamén se apoia en xurisprudencia aplicábel ao presente caso, e a sentenza do Tribunal Supremo 900/2007 na que o Tribunal Supremo lle devolveu á familia de Álvaro Rodríguez López, de Santa Cruz de Tenerife, un terreo que doou a Franco por entender que fixo a doazón ao Estado e non ao patrimonio persoal deste. "É de dominio público que a familia administra hoxe unha inmensa fortuna conseguida polo ditador durante o exercicio da súa Xefatura, e é unha responsabilidade do Goberno procurar a súa devolución ao patrimonio público", considera a CRMH.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: