Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DEZ MESES DESPOIS DE APROBARSE A LEI DE FUNCIÓN PÚBLICA

O plus de altos cargos xa lle chega cada mes á nómina de 121 funcionarios

Os traballadores públicos que estivesen durante máis de dous anos en postos de responsabilidade política teñen dereito a percibir complementos anuais de 15 mil euros.

R.Vilar - 14:30 12/06/2008

Dende que entrou en vigor a Lei de Función Pública de Galiza, 121 funcionarios xa se acolleron ao denominado plus de altos cargos. A chamada disposición adicional 17 permítelle cobrar un sobresoldo anual de 15.006 euros (coa última actualización de 2008) a todos aqueles funcionarios da Xunta que “desempeñen ou tivesen desempeñado durante máis de dous anos continuados ou tres con interrupción postos de traballo como director xeral ou superior, director xerente de órganos ou entidades públicas(...)”. A este beneficio tamén se poden acoller os alcaldes e parlamentarios que sexan funcionarios dependentes de San Caetano.

Dende a Consellaría de Presidencia sinalan que a polémica disposición 17 da Lei de Función Pública só lle está a custar a administración, polo de agora, 487 mil euros ao ano. Este departamento explica que a gran maioría das 121 persoas que solicitaron o plus de altos cargos xa tiñan consolidado o nivel 30 (o máximo complemento de destino da Xunta), que lles dá dereito a 11.946 euros brutos. Este beneficio para altos cargos aplícase dende 1998. A maiores, grazas á disposición 17 aprobada o ano pasado, os funcionarios perciben outros 3.060 euros anuais.

Coa reforma da Lei de Función Pública, o Goberno quería introducir unha regulación análoga á que existe dende 1991 na administración española. Cos cambios propostos polo bipartito os altos cargos galegos acadan os mesmos complementos de destinos (15.006 euros) ca os directores xerais do Estado, que nesta administración teñen un nivel de complemento 33 (coñecido ironicamente polo funcionariado como “súper-trinta”). Como en Galiza o nivel máximo dos funcionarios é 30, o Goberno precisaba introducir esta disposición para homologar retributivamente os altos cargos cos españois.

A CIG leva recollidas máis de 20 mil sinaturas en contra dos pluses

Dende hai meses a Confederación Intersindical Galega leva a cabo unha recollida de sinaturas para que o Goberno derogue os pluses. O sindicato nacionalista ten xa recollidas máis de 20 mil sinaturas que presentará para en forma de Iniciativa Lexislativa-Popular para forzar a que o Parlamento volva discutir a disposición 17.

Dende a CIG consideran que os pluses son pouco democráticos porque crean “unha profunda fenda entre o funcionariado de carreira e o resto de cidadáns que, non sendo funcionarios públicos, desempeñaron ou van desempeñar nalgún momento das súas vidas cargos públicos ou de representación política”. Ademais desta discriminación, o sindicato cre que o Parlamento obviou ao aprobar os sobresoldos “a realidade dun país en que os salarios da maioría dos traballadores se sitúan por baixo da cantidade prevista para un director xeral só en concepto de complemento de destino”.

Mais as críticas non só viñeron dende a CIG, un dos exemplos máis concretos foi o da directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero. A política nacionalista publicou en Vieiros un artigo moi crítico coa medida aprobada unanimemente do Parlamento.

Unha pataca quente ao remate da lexislatura

O Parlamento terá que tratar este outono a proposta de derrogación do plus de altos cargos. A iniciativa, que foi aprobada no seu momento polas tres forzas da Cámara, provocou posteriormente diferenzas entre os partidos. Logo das críticas, tamén internas, en setembro do ano pasado o BNG recoñecía que aprobar a disposición 17 fora un erro e mostrábase aberto a unha posíbel derrogación. PSdeG e PPdeG pedíronlle responsabilidade e coherencia aos nacionalistas e opuxéronse publicamente aos cambios.


4,3/5 (20 votos)

Comentarios (17)

baltar69 #1 12/Xuño/2008 baltar69

e donde se firma? teño buscado na web da cig donde facelo, pero non o topei.

unhagrandechea #2 12/Xuño/2008 unhagrandechea

Somos nacionalistas , pero chegamos a ver para non entrar no fanatismo, penso que o BNG columbiose neste tema, don deberia haber votado a favor de esta lei, pero bueno non se pode ser perfecto.
Ven o I SERAN RAMON CABANILLAS en Cambados - ACTUACIÓN DE TREIXADURA . DIA 21 DE XUÑO ÁS 21 HORAS
Máis información en
http://www.unhagrandechea.org....

caxato #3 12/Xuño/2008 caxato

As sinaturas que está ou estivo recollendo a CIG son para unha iniciativa lexislativa popular, polo tanto só se pode asinar en papel legalizado pola xunta electoral, necesitanse 15000 sinaturas para que o parlamento teña obriga de discutila, decían que xa tiñan 20000 entregadas, falta comprobar que todas as sinaturas son "legais", no sentido de que sean de persoas con dereito a voto e logo teran que discutilo no parlamento galego e haberá votación para ver se se bota abaixo.

Xarope #4 12/Xuño/2008 Xarope

Pego na calculadora:

121 x 15.000 = 1.815.000 € x 166,386 (sou-vos da velha escola) =

301.990.590 pts .. !!!

E se a isto lhe somamos o dinheiro esbanjado em "A_normalización linguística" ... este "goberniño" é um choio !!!!

Lito #5 12/Xuño/2008 Lito

Esta é unha das importantes medidas do goberno para paliar os efectos da crisis.

Aldara #6 12/Xuño/2008 Aldara

A maioría dos que cobran iso xa teñen de por si uns soldos altísimos. Por se fose pouco dámoslle outros 15.000 euros ao ano. O único que creamos é unha "high-society-politico-funcionarial". Como se entende que a un tipo destes que, poñamos que cobra 40.000 euros polo seu traballo, por riba lle deamos 15.000 máis de por vida. Sen embargo, se unha traballadora do textil é conselleira (estaría ben) ao rematar o mandato volvería a percibir 600 euros e ningunha compensación. Esta é a outra cara da democracia ou funcionacracia.

croiosdetector #7 12/Xuño/2008 croiosdetector

Cara teñen estes funcionarios....mimá...

Ademais para cando deixarán de ter postos vitalicios....???

Que lles esixan resultados como ao resto. Que haxa postos públicos eternos pero caras que funcionen por obxectivos..

Iso si, despois todos socialistas, comunistas, nacionalistas e anarquistas...

o mundo ao revés...

xoca #8 12/Xuño/2008 xoca

D. Francisco Rodríguez (ex diputado do BNG no Congreso), tamén cobra dito plus?, non está en idade de xubilación?

Tarelo #9 12/Xuño/2008 Tarelo

Lamentabel. Alegrome de ter recollido sinaturas para a iniciativa lexislativa popular, e ter estampado a miña. É de lamentar que (eu sepa) só a CIG, promovese algunha inicitiva contraria a este desproposito. É evidente que este sistema , cos eus partidos, sindicatos, leis , órganos de xustiza, etc. non funciona coma todos nos puideramos imaxinar, cada vez imos a peor. Hai que facer algo, non quedarse de brazos cruzados.

Baigorri #10 13/Xuño/2008 Baigorri

Pois se vos parece podemos facer unha análise dos complementos que perciben os altos cargos das empresas que están a explotar o País.
As retribuciós que interpretades como "excepcionais" veñen derivadas da consolidación de nivel funcionarial. Uns traballadores públicos ben retribuídos garanten o fortalecemento e defensa do colectivo. Por certo, velaí tedes unha consecuencia da esixencia das novas avaliaciós de rendemento introducidas pra os postos directivos.

lourentia #11 13/Xuño/2008 lourentia

Señor Baigorri, unha cousa é ter funcionarios públicos ben retribuídos e outra é darlle complementos a un fulano polo mero feito de ter sido nunha vida anterior alto cargo. Coincidirá comigo en que o problema último é a discriminación. Se se fai unha lei para altos cargos que se faga para todos e non só para o funcionariado.

Xabi1 #12 13/Xuño/2008 Xabi1

A medida é unha auténtica burrada. Mais que fixo o BNG no Parlamento que se meteu a disposición adicional?. Votou en contra?
Abondaba xa coa consolidación do nivel superior cando un funcionario botaba uns anos nun cargo ou destino cun complemento superior ao do seu posto de traballo orixinal; abondaba con que receben a maior pensión pública se estaban de parlamentario un número de lexislaturas; abondaba xa coas contas escuras dos partidos políticos; abondaba con que alcaldes e deputados se suberan os salarios simplemente votando a suba nos plenos municipais e nos plenos parlamentarios (eran arte e parte da suba salarial); abondaba con que algúns altos cargos tiveran unha VISA ouro aberta en canal para "gastos de representación...
Pois non, non era abondo. Agora hai que lles dar un plus.
Comigo que non conten na vida pra lles votar.

amoscaesquerdosa #13 13/Xuño/2008 amoscaesquerdosa

É o de sempre:
-Os políticos da Xunta sóbense o soldo.
-As empresas cotizantes no IBEX 35, segundo datos deste mesmo ano, seguen a gañar milleiros de millóns.
-Os especuladores financeiros e do petróleo (ver entrevista ao secretario xeral da OPEP)se forran coa mesma...

Mentres:

-Os transportistas, os pescadors, os labregos e gandeiros loitan desesperdamente pola súa supervivencia.
-Os traballadores ven a volta da esquina unha semana laboral de 65 horas, uns salarios que diminúen día a día por mor da inflación, un paro e unha precariedade laboral que medra continuamente...

E aínda hai quen di que non cómpre a solidariedade.
amoscaesquerdosa.blogspot.com

croiosdetector #14 13/Xuño/2008 croiosdetector

Seria interesante que Vieiros dese a coñecer os nomes dos que xa están cobrando ese plus, levaríamos moitas sorpresas.

Que cara teñen...

simplementeego #15 13/Xuño/2008 simplementeego

canto se aman os porquiños uns aos outros, que ben se ceban, da gusto velos gordiños, colorados, deitados e durmindo... PERO COMO DICIA O BURRO...

Chousa #17 14/Xuño/2008 Chousa

Xa houbo quen meteu o man na ferida; pero eu quero voltar. Por que se recoñece este "plus" somente aos funcionarios? .

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: