Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DESAPARECERON OS OBXECTOS DO INMÓBEL

A familia de Dieste, indignada co espolio e venda da casa do escritor

O Concello negociou só cunha parte dos herdeiros, a quen pagou 300 mil euros, malia a que a viúva do escritor avogaba por cederlla de balde ao pobo de Rianxo.

Marcos S. Pérez - 19:00 13/06/2008

A vontade de Carmen Muñoz, viúva e testamenteira de Rafael Dieste, era doar tanto a vivenda do escritor como os bens que contiña ao pobo de Rianxo. Porén, o Concello negociou cunha parte da familia, extremeña, que durante anos bloqueara esta operación, e decidiu pagarlle 300 mil euros polo inmóbel. Ademais, segundo denuncia o BNG, Rianxo recibiu o inmóbel baleiro, ignorándose a sorte da biblioteca, documentos, mobiliario e cadros de Dieste.

Esta operación de venda realizouse de costas aos demais familiares do escritor, residentes en América, e partidarios de cumprir a vontade de Dieste e a súa viúva. Denuncian que o alcalde non os informou en ningún momento das negociacións, malia a que algúns deles estiveron en Rianxo o verán pasado comendo con el. Agora, estes familiares desexan que se faga pública a súa sorpresa e indignación co ocorrido, e anuncian que farán o necesario para restabelecer a situación. Manuel Dieste Camargo, de México, fala dunha "compra-venta totalmente turbia" e manifesta a súa "estrañeza e á vez tristeza" coa situación e esixe que se debe esclarecer "o que parece unha fraude, un delito".

De igual xeito, Enrique Dieste, de Uruguai, cualifica a venda de "barbaridade" e de "infamia" e anuncia que "estamos dispostos ás accións que sexan necesarias para que Rianxo recupere o capital monetario e cultural perdido en todo este lamentábel asunto". Conclúe afirmando que "Se é necesario viaxaremos de Estados Unidos, México e Uruguay para ter as conversas que sexan necesarias e con quen sexa necesario para limpar o noso nome de toda esa ignominia". Todos estes familiares aclaran que as súas protestas non teñen como obxectivo reclamar unha parte do prezo pagado pola vivenda, pois a súa intención foi sempre a súa doazón gratuíta.

O BNG culpa ao alcalde de Rianxo
En paralelo, Adolfo Muíños, responsábel local do BNG en Rianxo, denuncia a desaparición dun informe realizado por Intervención, un documento oficial desfavorábel á adquisición da vivenda. Muíños denuncia que o alcalde Pedro Piñeiro "se pregase aos intereses desta ponla familiar que sempe quixo especular coa casa, deixando de lado á familia americana". Así mesmo critica que Piñeiro propiciase a desaparición do patrimonio do escritor, que inclúe cadros de Luís Seoane, Colmeiro, Maside, Laxeiro, debuxos de Arturo Souto e Isaac Díaz Pardo, unha das poucas coleccións de libros que existían nos anos 30 en Rianxo, mobiliario e os dereitos de autor da obra de Dieste.


4.69/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: