Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise

A incoherencia da FAO

Mónica Vargas, do Observatorio na Débeda da Globalización, reflexiona sobre as conclusións dunha xuntanza da FAO que "non cuestionou o modelo agrícola nin a mercantilización do dereito á alimentación"

Canal Solidario - Mónica Vargas Collazos (ODG*) - 10:30 15/06/2008

Sorprende a incoherencia da tónica “mea culpa” vixente no recente Cumio da FAO. O presidente do goberno español promete 500 millóns de euros en axuda á cooperación para programas de seguridade alimentaria, o Banco Mundial anuncia que achegará cerca de 760 millóns de euros co mesmo obxectivo, e o documento final conclúe coa morna necesidade de "estudar máis profundamente" o impacto dos agrocombustibles.


Á súa vez, o Director da OMC, Pascal Lamy, insiste en que o libre comercio pode fortalecer a capacidade produtiva dos países empobrecidos. Hai incoherencia porque estas medidas e promesas non cuestionan o modelo agrícola industrial baseado na produción intensiva e na mercantilización dun dereito básico: a alimentación. E é curiosamente neste modelo onde se sitúan as raíces tanto da crise alimentaria como da crise ecolóxica global.

Por que este modelo é responsable do aumento dos prezos dos alimentos e do consecuente incremento do fame?
Porque é precisamente a liberalización dos produtos agrícolas a que permitiu dous fenómenos que son en gran parte responsables da crise alimentaria: a crecente especulación no mercado de futuros dos alimentos básicos e a concentración corporativa neste sector.

De acordo coa firma consultora AgResourse Co., nos Estados Unidos, o maior exportador mundial de trigo, millo e soia, o valor das compras destes grans no mercado de futuros representou arredor da metade do valor da colleita total. Por outra banda, estímase que a cantidade de diñeiro especulativo no mercado de futuros de commodities aumentou de 3.172 millóns de euros no ano 2000 a 111.000 millóns de euros en 2007.

As políticas de libre comercio impostas por actores como a OMC no sector agrícola, ao desmantelar os aranceis e proteccións que tiñan os países empobrecidos tamén son responsábeis da concentración empresarial en toda a cadea produtiva.

Industria alimentaria organizada para xerar beneficios
De feito, tal como expón Ian Angus , "a industria alimentaria global non está organizada para alimentar aos famentos, está organizada a fin de xerar beneficios para o agronegocio corporativo". E funciona: este ano, o crecemento do volume de negocios e das ganancias anunciado polas principais compañías que operan na agroindustria é extraordinario.

Os beneficios netos da estadounidense Cargill en abril aumentaron de 86% fronte ás cifras do ano anterior, sumando 653 millóns de euros. As vendas de Bunge creceron de 70% e as de ADM 64%. Cal é o grao de incidencia destas empresas ás cales a crise alimentaria non parece afectar? Determinan o que será producido, como será producido, definen prezos e seleccionan quen producirá os alimentos.

Así por exemplo, Cargill, ADM, ConAgra, Bunge e Dreyfus dominan máis do 80% do comercio mundial de cereais, mentres que Monsanto é a principal empresa de sementes comerciais e a quinta no sector dos agrotóxicos. No caso específico da soia, Bunge, ADM e Cargill controlan 75% do mercado mundial e 80% da industria procesadora na Unión Europea.

Por que o modelo agrícola industrial é tamén causante do quecemento global?
Porque a agricultura industrial e a deforestación que a acompaña son responsábeis respectivamente do 13.5% e do 18.2% das emisións dos gases de efecto invernadoiro. Ademais, en todas as fases da produción interveñen os combustíbeis fósiles.

Na área dos agrocombustíbeis situámonos aquí ante un paradoxo: promóvenos no sector do transporte (que é responsábel do 13.5% das emisións) como unha alternativa ao petróleo. No entanto, a súa produción, ao ser a gran escala e pretender responder ás inmensas necesidades de consumo enerxético nos países do Norte esencialmente, implica fortalecer o modelo agrícola industrial. Xa que logo, atópanse moi lonxe de ser unha solución en termos ambientais.

Ao non tomar medidas inmediatas fronte a estes factores que son responsábeis das crises sociais e ambientais que sacoden ao planeta, o Cumio fallou. Pero o seu fracaso máis contundente débese a que excluíu totalmente os principais afectados.

Agrupadas nun evento paralelo, organizacións de campesiños e pequenos produtores (é dicir 80% da poboación que sofre de fame) denunciaron o poder da agroindustria e da liberalización da agricultura. A súa resposta é diametralmente oposta á do Cumio: non piden "seguridade" senón soberanía alimentaria; opóñense aos agrocombustíbeis a gran escala e piden que os gobernos se concentren na produción sostíbel de alimentos en pequena escala.


Apuntan a complexidade da agresión neoliberal da que son obxecto e que pasa os baleiros discursos do Cumio. O modelo agrícola industrial implica a apropiación e o saqueo da terra, un recurso estratéxico. E para iso, aplícase unha descampesinización feroz, particularmente nos países empobrecidos.

Discurso oco
Esta expulsión dos campesiños, indíxenas e afrodescendentes potenciouse aínda máis co auxe dos agrocombustíbeis. Pero eles xa non falan de "expulsión", falan de desterritorialización. Porque o que perden, ante a presión dos agronegocios por estender monocultivos de palma aceiteira, soia, millo ou cana de azucre en millóns de hectáreas, é o seu territorio, é dicir a súa cultura, a súa vida e xa que logo, a súa dignidade. É ante esta corrosión dos seus ancestrais sistemas agrícolas, alimentarios, políticos e culturais que reivindican a soberanía alimentaria. Pero esta voz foi excluída do Cume e o "mea culpa" segue sendo un discurso oco.


(*) Mónica Vargas é investigadora do Observatorio da Débeda na Globalización (ODG), unha rede coordinada de persoas e equipos dedicados ao activismo de investigación. As súas investigacións concéntranse no problema de relacións Norte-Sur e na creación de débedas entre comunidades durante o actual proceso de globalización.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Comentarios (2)

ecoe #1 15/Xuño/2008 ecoe

Non só se comercia e obteñen beneficios capitalizados ca fame do mundo, mais ningunha solución poden achegar responsables significados da fame mundial: e non só poñamos o capitalismo que nos arrasa, tamén OMC-BM, U€ e desde logo a mesmísima FAO.

A mostra máis coherente -non penso para nada que sexan o contrario, como reza a cabeceira- é que:
OS PAÍSES CAUSANTES DO DESASTRE OFRECEN 4.500 MILLÓNS CONTRA A FAME, MÁIS INVIRTEN 850.000 MILLÓNS EN GASTOS MILITARES, co coñecido obxectivo de arrepañarlle as riquezas ó resto do mundo e controlar a orde interna!

pelacho #2 16/Xuño/2008 pelacho

realmente fao, fmi, omc, ... hai xente aí que intenta actuar de xeito coherente e pensan que máis mercado e menos proteccionismo dan nunha mellor asignación de recursos, maior comercio, maior beneficio para todos.
Outra xente que defende outros intereses son coherentes con eles máis hipócritas, porque teñen un discurso público e unhas intencións das que non falan: O mercado dos alimentos é un dos máis protexidos polo primeiro mundo, con maiores aranceis e taxas, subvencións e todo ese tipo de cousas. Hai grupos de interese que non só representan a grandes empresas se non ás xentes que se benefician de políticas como as da PAC.
O mercado ou a "mercantilización da fame" non son culpables de nada. A concentración de poder e as asimetrías consecuentes, as grandes inxustizas que provocan esas asimetrías non son exclusivas só do sector agroalimentario.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: