Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Xosé Antonio F. Bouza, director do Parque das Illas

"Para ir só á praia, mellor ir a Samil, ir ás Illas debe significar algo máis"

Conversamos co director do Parque das Illas Atlánticas, espazo protexido que para a semana que vén será formalmente transferido a Galiza.

R.Noguerol - 10:00 19/06/2008
Tags:

Vieiros: Imos ver en breve o traspaso a Galiza do Parque das Illas Atlánticas, cre vostede que pode implicar un punto de inflexión para este recanto privilexiado da natureza?
Xosé Antonio Fernández Bouza: Sen dúbida será un paso importante, que cumpre así unha longa demanda. Era unha arela que tiñamos e a consecución servirá para que este parque se convirta en buque insignia da protección ao medio no país. Cónstanos que ademais hai unha aspiración clara desde o Goberno e a vontade desde a Consellaría de Medio Ambiente de asumir este desafío. Hai gañas de recibir o Parque das Illas e de poñer en xogo o necesario para que chegue a ser un referente que consiga ademais tirar do resto de parques, fomentando a atención e o respecto dos cidadáns polos espazos protexidos cos que contamos.

Acaban de realziar ademais un achado que supón unha novidade mundial, en que consiste?

É un nemertino de catro ollos, unha especie de verme aplanado, un tipo de especie moi importante polo seu papel na cadea trófica, do cal minguaran as poboacións despois do vertido do Prestige. Aliméntanse del por exemplo nécoras ou centolas. No Parque das Illas identificáronse até dezaseis especies diferentes, e desta clase só se describiran media ducia de exemplares nunha praia escocesa a comezos do século pasado. Xa que logo, é a primeira vez que se fotografía. Son achados moi importantes por múltiples razóns, desde o seu valor ecolóxico até o valor de futuro que ten constatar que non se extinguiron especies que, quen sabe, un día pode resultar que contribúen á cura dunha enfermidade, por exemplo.

Cousas como esta significan que o Parque mellora a súa saúde nos últimos tempos, vaise recuperando da catástrofe do Prestige?
Si, o estado de saúde do parque vai por moi bo camiño. Podemos falar xa na actualidade de recuperación. As análises realizadas confirman que non se está atopando nada raro. Hai un control rigoroso e diario. Pero á fin, se conseguimos que o Parque se manteña con boa saúde ambiental será un logro conxunto. A xente debe ser consciente de que o que fai no cotiá das súas vidas lle vai acabar influíndo aos referentes ambientais galegos. Desde tirar aceites polo fregadoiro até usar deterxentes agresivos.

E vostede pensa que a xente é consciente desas cousas cando visita o Parque, ou collen o barco para ir á praia simplemente?

Darlle ese valor engadido é unha das cousas que debemos facer. O turismo aquí ten que ser un turismo responsábel. A xente debe saber que está indo a un Parque Nacional protexido. Para ir á praia simplemente que vaian a Samil, o Parque é outra cousa e debe significar outros valores engadidos.

Non hai moito que sacaron un monte de toneladas de lixo dos fondos mariños do parque, hai razóns para o optimismo se para algúns parece que o mar é un vertedoiro?

Si, foi un proceso de limpeza ambicioso e sacouse unha burrada de toneladas de lixo que se foran acumulando nos fondos mariños do Parque, en zonas de grande valor ambiental. Con todo, eu creo que xa a cousa está cambiando. Tradicionalmente, a ignorancia e a inconsciencia foron os problemas fundamentais. Fronte a iso a educación é fundamental. E eu confío en que pouco a pouco imos por bo camiño. Chegamos por exemplo ao contorno de Sálvora para quitar unha especie exótico, e explicámoslle á xente que é unha especie invasora e por que non debe plantala, e a xente compréndeo, implícase e colabora. Eu creo que vemos menos por exemplo iso de chegar á praia e deixala estrada de botellas de refresco ou as cabichas dos cigarros guindadas pola area. Pasiño a pasiño a sociedade cambia e comeza a mimar máis o medio.

Chama a atención que moito do lixo sacado procede de pesqueiros... que pasa logo, que os que viven do mar non se destacan á hora de coidalo?

Non penso que iso sexa así na actualidade. Hai accidentes e despistados... pero en xeral no ámbito mariño hai unha toma de consciencia en favor do respecto. Asúmese que é fonte de riqueza que hai que coidar, medra a conciencia ambiental. A percepción de certos problemas, como os efectos do cambio climático ou a desaparición de especies tamén axudan a incrementar iso.

En xeral non lle parece que á xente, ambientalmente, parece importarlle máis o que pasa na Amazonía que o que sucede a pé da súa casa?

É certo. A un cativo pregúntaslle polo nome dunha illa, e aínda que viva en Vilagarcía se cadra diche antes "Canarias" ca "Cortegada" ou un vigués fálache das Seichelles no canto das Cíes. Hai unha tendencia cara a iso, pero eu creo que vai mudando. A espectacularidade paisaxística e ambiental da que dispoñemos en Galiza é cada vez máis valorada. O esforzo que se poña en proxectos coma o do Parque das Illas Atlánticas será exemplo de que imos por bo camiño, na medida en que poidamos contribuír a acelerar ese cambio de mentalidades. Porque se non, estes tesouros que temos durarán catro días.

Será logo a educación ambiental unha prioridade no traballo do Parque?
Xa tratamos de que sexa así. No que vai de ano oito milleiros de rapaces pasaron xa por diferentes actividades relacionadas co Parque. E son visitas organizadas, cun obxectivo pedagóxico. Queremos que gocen do espazo, pero que á vez tomen conciencia de como o seu comportamento no cotiá das súas vidas contribuirá positivamente. Tamén elaboramos materiais educativos específicos.

Por certo, cando imos ter todo isto organizado nun Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque das Illas?

Eu penso que este mesmo ano. É un documento que debera estar feito hai anos, pero non foi posíbel, primeiro polo impacto do Prestige, que introduciu outras prioridades nese momento. Posteriormente, a incorporación de Sálvora e Cortegada tamén obrigaron a redeseñar e ampliar o proxecto. Nese momento estamos, e axiña veremos os resultados.

E formará parte a Illa de Tambo do Parque en breve?
Reúne as condicións. Pero é un proceso que debe pasar por unha serie de trámites. Non só o que é a burocracia do traspaso entre administracións, senón tamén os estudos e investigacións relacionadas. Probablemente nun futuro non só Tambo, senón tamén outras illas, pasen a integrar o Parque.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: