E uns 4.350 con necesidades especiais, "non están ben atendidos", dixo o Valedor do Pobo ao presentar unha guía cos dereitos dos cativos.
Esta terza feira o Valedor do Pobo, Benigno López, acompañou ao presidente de Unicef-Galiza, Manuel Sández, na presentación d'O meu libro dos dereitos, unha guía que recolle 12 dereitos dos nenos e nenas (o dereito á identidade, á familia, á educación, ao xogo ou á protección...) explicados cun breve texto e unha ilustración, do que se han editar 21 mil exemplares que se repartirán por todos os rexistros civís de Galiza (314).
450 nenos sufriron malos tratos en 2007
A guía está escrita en galego e castelán e o seu obxectivo, segundo explicou o Valedor, é facer chegar aos pais e á sociedade en xeral, os dereitos das crianzas, que moitas veces son esquecidos. De feito, Benigno López lembrou que en Galiza viven uns 4.350 nenos e nenas con necesidades especiais que "non están ben atendidos", e, ademais, un de cada cinco menores vive en situación de pobreza, o que "prexudica o seu benestar e aumenta as posibilidades de exclusión social".
López tamén se referiu aos datos recollidos o ano pasado sobre a violación dos dereitos da infancia en Galiza, dos que se resolve que en 2007 perto de medio milleiro de nenos sufriron algún abuso ou malos tratos.
Polo seu lado o presidente de Unicef-Galiza, Manuel Sández, destacou que o reparto desta guía polos rexistros civís e máis un paso no "traballo sobre o terreo" que desenvolve esta ONG, e incidiu na importancia de inscribir os nenos acabados de nacer nos rexistros, porque, segundo dixo, "se un neno non está inscrito, non existe".
Que digo yo que no serán los de Quintana...