Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ALBERTO LEMA, ESCRITOR

"As editoriais galegas teñen unha política de publicación moi conservadora"

A súa primeira novela, 'Unha puta percorre Europa', editada por Galaxia, preséntase este xoves en Compostela.

Marcos S. Pérez - 17:15 18/06/2008

De Alberto Lema dixo María do Cebreiro na lapela de Plan de Fuga que "escribe de forma clásica porque elixiu a vangarda para a vida". Lema (Vimianzo, 1975) é licenciado en Filoloxía Inglesa; estivo empregado de mozo de almacén e de chófer de camión; marchou traballar ás Canarias e a Londres; e máis dunha vez as súas obras foron rexeitadas polas editoriais pola contundencia da súa linguaxe ou das súas temáticas. Despois de Plan de Fuga, o seu primeiro poemario, publicado hai dous meses por Estaleiro Editora, chega agora a súa primeira novela, Unha puta percorre Europa, editada á vez en galego (Galaxia) e castelán (Caballo de Troya), e o vindeiro ano virá a segunda.

Unha puta percorre Europa preséntase ás oito da tarde do xoves 19 na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela. Alberto Lema estará acompañado por Xabier Cordal, Constantino Bértolo director literario de Caballo de Troya, e Carlos Lema, director de edicións de Galaxia.

A novela fala con palabras sinxelas e directas, isto é, sen retórica nin eufemismos, da lacra da prostitución consentida social e politicamente. Novela antipatriarcal, se é que isto non é falar de máis, no libro as súas protagonistas van máis aló da problema: fan unha proposta de solución. Ás veces, cando non hai magnolias só queda a pólvora.

Creo que Unha puta percorre Europa forma parte dunha triloxía; tes xa escrita a segunda novela. Que queres contar nestas obras? Cal é o nexo de unión entre elas?

Si, é certo que polo de agora teño escritas esas dúas novelas, Unha Puta... e a que se publicará o ano que vén, aínda que foi a que primeiro escribín. A unidade entre elas márcaa o feito de que se repiten algúns personaxes, aínda que as tramas e os temas non o fagan. O que non teño tan claro é que vaia ser unha triloxía; estou traballando na terceira e poderían ser máis de tres, aínda que espero que non moitas máis, que xa cansaría.

A novela íase chamar Putas asesinas pero coincidía co título dunha obra de Roberto Bolaño...

Si, escribina hai uns tres anos, ao volver de Canarias, aproveitando que tiña un ano de paro. E cando xa a tiña escrita e xa lle tiña posto o título, souben que había unha novela de Bolaño chamada igual, o que foi toda unha coincidencia, porque ademais gústame moito Bolaño. E nada, o editor decidiu mudarlle o nome, para evitar confusións.

Dixo María do Cebreiro que a novela está escrita 'coas armas da literatura de masas'; vemos elementos da novela policial, de novela negra, creo que agora andas facendo algo de ciencia ficción... Unha forma sinxela para tratar temas fondos e con fondura?
Si, a novela emprega eses recursos na súa estrutura, por veces imita a novela policial e colle prestados elementos doutros xéneros. Sobre todo a miña intención foi usar unha linguaxe espida e obxectiva, unha linguaxe antirretórica. Ás veces só se considera estilo o que aparece en obras máis barrocas, pero esta novela ten unha vocación de estilo moi clara: un estilo espido.

Aínda resulta complicado publicar en Galicia certas obras, certas temáticas, con certas linguaxes literarias...?
Non sei en que estilo é máis fácil publicar. En calquera caso si que a un autor novo élle difícil facelo. Eu rematei esta novela hai máis de tres anos, e se saíu finalmente en Galaxia foi en parte por unha carambola. Así que respondendo á túa pregunta, si, é difícil ás veces publicar neste país. Non entro nos motivos das editoriais, pero teñen unha política de publicación moi conservadora.

Fáltalle valentía formal e temática á literatura galega?
Que eu faga ese xuízo paréceme arriscado e un tanto pretencioso, sobre todo se asumise que a miña obra é valente e non o é a doutros escritores. Non me corresponde a min facelo. En calquera caso, creo que hai autores valentes en Galicia, en todos os sentidos, por exemplo Ferrín, Chus Pato, ou Xurxo Borrazás.

O que dicimos da literatura podémolo dicir tamén da esquerda política. Fáltalle valentía para efectuar certas reivindicacións, alén das modificacións cosméticas?
A esquerda castrouse para homologarse cos restantes partidos do sistema, en base a unha estimación do que supostamente esixía o mercado electoral. E suprimiu no seu discurso e nas súas propostas o que era propio dela e a definía, que eran os obxectivos revolucionarios e transformadores da sociedade, e ficou na reivindicación de certas reformas. Na miña opinión hoxendía a esquerda non está representada nos Parlamentos, cando menos non o está no parlamento galego nin no español. Como dixo Orwell, a esquerda cando chega ao goberno ou xa non é esquerda ou dura pouco.

E vou ao tema concreto da novela. A existencia da prostitución como un feito privado pero coñecido, ilegal pero consentido, e con dimensións económicas e sociais masivas constitúe un dos meirandes exercicios de hipocrisía da nosa sociedade?
Si, dixéchelo ti. É algo que se consente, que se mantén nunha situación non de ilegalidade senón de alegalidade, e que constitúe un grave problema social que se analiza de xeito moi simplista. Na prostitución toma carne unha certa hipocrisía do sistema, do capitalismo, que hai que chamar ás cousas polo seu nome. É o que se denomina 'lumpen', un fenómeno que amosa unha deficiencia do sistema, pero que o sistema asume porque solucionalo implicaría unha reforma profunda das súas estruturas. É tamén o que Foucault denominou 'heterotopías', espazos que funcionan con regras distintas á do resto da sociedade, con regras contrarias ás da luz do día.

Veremos caer os muros do McDonald's, como escribías en Plan de fuga? Es optimista, como a mensaxe que subxacía naquel libro?
A esquerda está en reconstrución. As causas que lle daban sentido antes seguen a existir: as diferenzas de clase, a distancia entre norte e sur... Desa dialéctica ten que xurdir unha contestación. Aínda que resulta difícil, porque o capitalismo non só é poderoso, senón que é intelixente, e exerce ese poder de maneira sutil. Pero si, son optimista, porque estamos obrigados a selo.

Publicaches Plan de Fuga en Estaleiro, editora autoxestionada e alternativa. Como foi a túa experiencia con eles? Que función deben cumprir Estaleiro e iniciativas semellantes no sistema editorial galego?
Foi a primeira editorial que me publicou e polo tanto teño que estarlle moi agradecido; a relación con eles foi sempre moi boa, e o resultado final, tendo en conta os seus medios, foi magnífico. É necesario que haxa moitos máis 'estaleiros', máis dispositivos para chegar á edición. Ás veces escóitase que en Galicia hai demasiadas editoriais, pero non creo que sexa certo, cómpre evitar os monopolios. É necesaria a sublevación que supón a existencia destas alternativas.

Citas decote a Ferrín como referente. Sorprendeuche que lle desen o Premio Nacional?
Non me sorprendeu no contexto da Consellaría de Cultura, pero si valoro que o Bloque e o goberno galego realizaron un exercicio exemplar de magnanimidade. De todos os xeitos, de non terlle concedido a Ferrín o Premio Nacional de Literatura na súa primeira edición, este nacería eivado. Ferrín é para min non só o máis importante autor galego vivo, senón un dos máis importantes de toda a historia. Así que parabéns a Ferrín e á consellaría.

Pregúntocho tamén polo parentesco que pode ter a túa escrita coa del. Penso por exemplo nas protagonistas femininas da túa novela, que me traen á cabeza ás Rotbaf Luden ou Els Bri ferriniás...
A min encántame que digas iso, considéroo un afago, pero paréceme excesivo. Non estou seguro da continuidade que poida existir entre a obra de Ferrín e a miña. Ferrín é un exemplo pola idea que se pode abstraer da súa literatura: a insubordinación, o combate, e sen que iso supoña descer un grao na súa calidade estética.

Citaches a Ferrín, Chus Pato, Borrazás..., con que outros autores galegos te identificas, por estilo, por ideoloxía, por xeración?
Pois gústame moito Antón Lopo, en especial Ganga, que creo que é unha obra silenciada; é un libro valente, obsceno, escrito contra o decoro. Tamén Xabier Cordal polo seu proxecto poético, que combina vangarda e humor, algo non demasiado habitual pois sempre se tende a unha excesiva seriedade. Gústanme moito as chamadas 'mulleres poetas dos noventa', como Olga Novo, Lupe Gómez, María do Cebreiro ou Yolanda Castaño. E da xente máis nova, sigo moito a Daniel Salgado, a Xiana Arias, a Oriana Méndez, ou a Samuel Solleiro.


4,29/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: