Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
OBRA XORNALÍSTICA

O novo de Rivas chámase 'Os Grouchos'

O autor presentará o libro o luns 23 na libraría 'Ler' de Santa Comba, nun acto presentado por Xosé Manuel Pereiro, Decano do CPXG.

Redacción - 13:37 20/06/2008

Coincidindo coa feira do Libro de Vigo, que se celebrará na Alameda viguesa do 27 de xuño ao 6 de xullo, aparecerá nas librarías Os Grouchos, o novo libro de xornalismo de Manuel Rivas.

Os Grouchos
son unha denuncia "contra os vellos e novos muros de silencio", mais tamén unha viaxe á procura das "faíscas da esperanza" das que falou Walter Benjamín. Manuel O´Rivas reivindica, na modernidade, a ollada do "home rebelde" de Camus, e na tradición lendaria, o espírito dos trasnos "meniñeiros", os seres invisíbeis que transmiten a herdanza do saber rir. O resultado é un libro que morde contra a estupidez, como pedía Kafka, e que abre os cadeados coa chave do humor.

O libro convoca "a unha odisea librepensadora, a unha ecoloxía da liberdade", di Xerais, que ten como porto de partida a Galicia de hoxe, entendida como un local universal, o país portátil, unha identidade sen paredes. Os Grouchos son un urdido de literatura e heterodoxia. E Manuel Rivas reta ao lector que lle pregunte se debe ler Os Grouchos. En resposta o autor cita un proverbio popular: "Quen lle teña medo ao mar que non embarque!".

A presentación terá lugar a partir das seis da tarde na Libraría Ler (rúa Rosalía de Castro, 32 de Santa Comba) e nela participará Xosé Manuel Pereiro (Xornalista e Decano do Colexio de Xornalistas de Galicia) e haberá unha lectura de textos a cargo do autor.


4.83/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: