Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DO 11 AO 17 DE XULLO

Un millón de persoas coñecerán a cultura marítima galega en Brest

Sairán 25 embarcacións tradicionais das nosas costas, e a delegación de Galiza, país convidado, ocupará cinco carpas con 1500 metros cadrados.

Redacción - 11:00 23/06/2008

En Brest haberá 25 embarcacións, a maior flota de barcos tradicionais que sae do noso país. O día grande da tripulación galega será o 16 de xullo, no que se botará unha dorna e as embarcacións galegas liderarán unha flota na que participarán, entre outros, barcos bretóns, irlandeses e croatas. Ao redor dun millón de visitantes de todo o mundo coñecerán Galiza e a súa cultura marítima do 11 ao 17 de xullo en Brest. Galiza será a primeira nación que non é estado que acode á Festa Marítima Internacional en calidade de país convidado de honra.

A Festa Marítima Internacional de Brest é un evento de sona internacional que reúne máis de 2.000 embarcacións de 30 países e 15.000 mariñeiros. Ao redor de 800 xornalistas acreditados comunicarán o evento de Brest a todo o mundo.

O Museo de Mar de Vigo acolleu a presentación das actividades que desenvolverá Galiza en Brest, así como as tripulacións que representarán o noso país no maior encontro de cultura marítima do mundo. Os nosos representantes asentaranse no "Village galego" cunha extensión de 1.500 metros cadrados con cinco carpas e dúas oficinas de información. Este espazo acollerá mostras de embarcacións, obradoiros, música, servizo de restauración e promoción da nosa gastronomía.

A presenza de Galiza en Brest forma parte dun proxecto de colaboración a longo prazo entre a Consellaría de Cultura e Deporte e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial para poñer en valor o noso patrimonio marítimo.

Máis información en Galiciaenbrest.org


4.89/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: