Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Triatlón internacional

Volve Raña

O triatleta foi cuarto na Hy-Vee Copa do Mundo de Triatlón de Des Moines (EUA). É o mellor resultado do ordense no que vai de ano, a falta de dous meses para as Olimpíadas.

Redacción - 11:41 23/06/2008
Raña en des Moines

Raña en des Moines

O triatleta galego Iván Raña clasificouse esta segunda feira na cuarta posición na Hy-Vee Copa do Mundo de Triatlón de Des Moines (capital do Estado de Iowa, nos EUA) a competición internacional con máis premios en metálico (451.526 euros en xogo).

A falta de só dous meses para as Olimpíadas de verán de Beixín, Raña conseguiu o seu mellor resultado do ano, o que fai volver crer nas expectativas do ordense na loita pola medalla olímpica.

Na carreira masculina o podio ocupouno o dinamarqués Rasmus Henning, mais Raña conseguiu impoñerse a algúns dos favoritos para as medallas nos Xogos, como o canadense Simon Whitfield (que foi quinto) e o británico Tim Don (décimo sexto). A proba constaba de 1,5 quilómetros de natación no lago Blue Heron; 40 quilómetros sobre a bici e 10 de carreira a pé. Raña fixo o percorrido en 1 hora, 54 minutos e 41 segundos, entrando a 20 segundos de Henning.

Volve o mellor Iván Raña
Segundo contan dende a Federación Española de Triatlón, o campión do Mundo en 2002 e Campión de Europa en 2002 e 2003, "demostrou que se atopa no bo camiño cara a súa terceira cita olímpica" posto que "deu a cara en todo momento e loitou pola vitoria case até o final".

A vindeira proba da Copa do Mundo será o 5 e o 6 de xullo en Hamburgo (Alemaña).

Clasificación xeral masculina da BG Copa do Mundo (7ª proba de 13)

1. Xabier Gómez Noya (GZ) 250 puntos
2. Bevan Docherty (NZL) 211 puntos
3. Tim Don (GBR) 160 puntos
4. Reto Hug (SUI) 140 puntos
5. Ivan Vasiliev (RUS) 135 puntos
5. Simon Whitfield (CAN) 135 puntos
7. Hendrik de Villiers (RSA) 129 puntos
8. Rasmus Henning (DEN) 125 puntos
9. Matthew Reed (USA) 121 puntos
10. Paul Tichelaar (CAN) 114 puntos
27. Iván Raña (GZ) 39 puntos


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: