Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍA EN SARGADELOS: Caso Pechado

Escolma de muros europeos con historias? Non. Isto é fotografía

Portas e fiestras que foron eliminadas; pero non borradas. Que pode máis, a vontade humana ou a permanencia axudada polo seu amigo o tempo?

Lito Caramés - 23:30 25/06/2008

A Galería Sargadelos, ese recuncho cultural aquecedor e múltiple, déixase encher de obras estéticas, e non faltas de presupostos éticos. Non hai moito eran pezas do Baranga as que convidaban á contemplación e á reflexión, e agora vén o Cé Tomé a levarnos até outra ceavoga, neste comezo de milenio tan aqueloutrado, coa súa colección de fotografías Caso Pechado, paredes con fiestras e portas que se resisten a desaparecer.

Cé Tomé é músico, fotógrafo, ilustrador, fabricante de instalacións audiovisuais. El non sabe dicir que é (ou prefire non dicilo). Só sabe que se moitos pisaron un vieiro, a el dálle por facer carreiro novo. Percibe que as notas xa ensarilladas e catalogadas en calquera tendencia do pop, do rock, do funky ou do hardcore non lle chaman, e é quen de facer música electrónica con gaitas e similares. Un creador, un artista.

Cé leva 16 anos buscando camiño sen ronseis. En todo este tempo, cámara ao lombo, pescuda superficies de paredes suxestivas, que falen de si mesmas, que reteñan as pegadas das xentes. E o que o atrae dos muros non son os fermosos materiais (mármores, alabastros, granitos do Porriño) que potentados de antano e de hogano usaron e usan para mostrar a súa forza. Non. Son as portas e as fiestras... pechadas. Tapiadas. Chocante, non si?

E nestas instantáneas de tan curioso motivo están coidados todos os detalles. O encadre é o suficientemente amplo como para que se vexa a parede que agocha-mostra a fiestra cega, a porta sen saída. Así vense nos materiais as diferentes actuacións humanas. E tamén o paso do tempo, ese deus esixente, xestor de doses de casualidade pouco azarosa. O positivado de cada unha delas é manual, permitindo a reflexión sobre o intre detido na imaxe. En moitos casos Cé Tomé buscou a mellor hora do día para que os muros falasen, para que a luz suxerise pegadas: aquela sombra que renace cando o sol foxe da parade, poño por caso. É certo que as fotos rouban as ánimas?
Cé Tomé é un pillabán. Colga esta escolma de instantáneas e ponlle por nome Caso Pechado. A brincadeira está servida. Como pode estar pechado o que provoca os interrogantes? Quen é quen de chantarse diante destas fotos e quedarse só na valoración técnica da instantánea, do seu delicado positivado? Ou coutar os ollos cando queren mirar máis aló das texturas, das pedras e dos ladrillos. Quen? É evidente que Cé Tomé disfruta a complexidade, e dedica tempo ás propostas e retallos vitais que teñen varias lecturas. Se cadra a complexidade non é tal, e só se trata de fotos neorrealistas, dignas dun Antonio López.

Aló unha porta que foi clausurada, logo aberta con arco diferente. Volveuse pechar, e aínda outras mans precisaron entrar e saír por unha abertura diferente, no mesmo sitio. Naquela fiestra unha historia de amor, de celos de quen mira e que pode ver? E cando non, historias de estremas. Estremas relixiosas: esas finas liñas que sectarios se matan por manter, e mesmo por prohibir o paso a “jehovás”. Son aberturas tapadas, unhas veces ao burro, con urxencia e pouco esmero. Despois diso pode vir o apaño: retocar e decorar (a decoración igual remata coa colocación posterior dunha reixa ben traballada). E, por suposto, hai aberturas das que se buscou a súa total eliminación, “borrar para que non se saiba”. Pero o ollo de gabián de Cé acaba por detectar a máis cativa sinal. E logo hai que contar con que o muro quere falar, e vai proferindo letras que son liñas, e palabras que veñen sendo formas.

As instantáneas de Caso Pechado son retratos. Son retratos inquietantes, humanizados. Tomé non ofrece un anaco de parede sen vistas. Non. A súa cámara fura a codia polícroma, mira de perfilar a muller por cousa de quen aquela fiestra deixou de alumar o solpor e de reproducir as notas do xílgaro que canta na figueira. Ou de reter a imaxe do último amante que pasou a lumieira da porta, logo castigada. Son retratos vivos. Como o que Rafael fixo daquel cardeal, que non se sabe que atrocidade agocha nos ollos. Coma os retratos das mulleres e homes do Middle West (Avedon). Nunca se sabe se se está burlando das súas poses, ou se quere dignificar aquelas faces “anónimas”, cheas de vida, de vivencias.

Se cadra custa crer que un anaco de parede con sinais de ter tido unha fiestra poida ser comparado con retratos de xente. As fotos teñen moitas lecturas, desde logo, e estas observacións son invitacións a miralas (mirar, co significado que se lle da nas Rías Baixas) e interrogalas.

Poida que a primeira vista non se detecten os segredos que agochan/suxiren as instantáneas. Pero logo despois -non se decata un ben de cando acontece- as fotos comezan a falar, a querer confesar os seus segredos. E chega o desacougo, o querer saber. Teño para min que é por iso polo que son inquietantes. Porque son espellos de nós mesmos.

EXPOSICIÓN: Caso Pechado, de Cé Tomé
Galeria Sargadelos Provença, 276 Barcelona
Até o 31 de xullo.


3.7/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: