Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DÍA MUNDIAL DE LOITA CONTRA A DROGA

Os nenos xa non queren ser contrabandistas

A Fundación Galega contra o Narcotráfico recoñece avances na loita contra a droga, pero reclama cambios lexislativos.

Isabel G. Couso - 14:30 26/06/2008

A percepción social das drogas mudou en Galiza nos últimos anos. Os pequenos xa non queren adicarse ao narcotráfico, non perciben este entorno como o dun mundo de luxo e éxito. Sen embargo, o seu achegamento ás drogas en canto consumidores é hoxe moito máis doado: con maior cantidade en circulación e un prezo máis adquirible, os nenos teñen un fácil acceso ás sustancias prohibidas.

Cambios na lexislación

A Plataforma Galega contra o Narcotráfico reclama medidas serias para combater o narcotráfico dende todas as administracións. Asegura que o tema non está nas axendas políticas porque non interesa e que a propia sociedade non se revela contra esta situación ata que a vive en primeira persoa: "Só nos damos conta cando nos afecta a un fillo", di José Manuel Siso. No marco destas medidas necesarias, o Presidente da Plataforma menciona a necesidade de rematar co patrimonio dos narcotraficantes. Fala da importancia da reversión do patrimonio dos narcos á sociedade e felicítase polo cambio de mans do Pazo de Baión, que será agora xestionado por unha cooperativa vitivinícola e que ademais dará emprego a antigos drogodependentes en fase de recuperación e reinserción social.

Tamén pide unha maior vixilancia das nosas costas, que seguen a ser unha porta de entrada das sustancias estupefacientes en Europa, e laméntase de que a atención se centre noutras zonas do estado, como é a estreita custodia que se establece sobre as costas que reciben inmigrantes en pateras.

Situación en Galiza
Os grandes narcotraficantes deixaron paso en Galiza aos transportistas, persoas de menor peso na organización, que traballan para mafias internacionais, fundamentalmente colombianas ou mexicanas. O seu salario é unha porcentaxe da droga que entra, unha cantidade que pasa a alimentar o mercado interior.

A droga introdúcese despois en festas, e Siso asegura que o botellón se está a converter no lugar de inicio de consumo para moitos rapaces. Ofrécelle un amplo abano de sustancias ilegais e os estudos xa comezan a revelar un importante aumento de consumo de drogas en idades temperás. Preto do 50% dos rapaces enquisados polo Observatorio de Galicai sobre Drogas recoñecía que ademais de beber, nestas concentracións tamén consumía hachís, o 15% empregaba drogas de síntese e un 7% cocaína.

Educación e Deporte
A Plataforma reivindica a educación e a implicación das propias familias para evitar o problema de consumo entre os máis novos. Aumentar a sensibilización social para previr futuros consumos e adiccións é outro dos propósitos que se marca o colectivo, que ven de celebrar en Compostela o Día Mundial de Loita contra a droga recuperando a súa campaña "Panos brancos contra a droga". Unha marcha de bandeiras brancas, a lectura dun manifesto e a celebración do Primeiro Torneo de Baloncesto "Canastras contra a Droga" foron os actos enmarcados na celebración deste día.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: