Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eladio Ferreira, Fundación Equanimal

"Nós non temos nada que ocultar, os que o teñen que facer son os donos das granxas"

Hai nada comezaron a saltar nas prazas de touros polo Estado adiante, reclamando a abolición do toureo. Moitas veces as súas accións tórnanse perigosas para os voluntarios.

A. Rodríguez - 09:00 30/06/2008
Eladio Ferreira, falando cos cazadores en Portomarín, no campionato de caza do raposo

Eladio Ferreira, falando cos cazadores en Portomarín, no campionato de caza do raposo

Acaban de desenvolver unha serie de acción antitaurinas polo Estado, e mesmo chegaron a entrar na Praza das Ventas, en Madrid (a máis grande de Europa e a terceira do mundo) denunciando a tortura e a morte dos touros nas corridas.

A Fundación Equanimal creouse hai dous anos da fusión da ALA (Alternativa Liberación Animal) e Dereitos para os Animais. Neste tempo desenvolveron unha serie de campañas contra o maltrato dos animais nas granxas, nos circos, nos zoos, nos laboratorios de experimentación, nos matadoiros, nos tecores de caza e tamén nas prazas de touros.

Xa apareceran nos medios do país por protagonizar as accións de protesta contra o Campionato Estatal de Caza do raposo (que se desenvolveu en Portomarín en xaneiro deste ano), por meterse no medio dunha manifestación de 10 mil cazadores, en Madrid, ou por irromper na Festa da Caza e da Pesca en Dima (Biscaia), con carteis contra estas prácticas.

O vigués Eladio Ferreira é o presidente da Fundación, e falou con Vieiros das accións que están a realizar hoxe en día na defensa dos dereitos dos animais.

Como funciona a Fundación Equanimal?
Xa hai dous anos e pico que botou a andar (a partir da unión de ALA e Dereitos para os Animais), e funciona a nivel estatal, coa axuda de tres tipos de persoas: os activistas (que traballan, tamén, na xestión da Fundación, a través dos departamentos de atención ao socio, de prensa, de voluntariado...); os voluntarios, que son os que realizan as accións; e os colaboradores, que son os que aportan o financiamento completo, case o cento por cento del (o resto do aporte económico vén da venda de material, mais son cantidades pouco representativas).

Hai semanas que aparecen nos medios de comunicación debido ás accións antitaurinas que fixeron (saltar á praza das Ventas, á de Barcelona e á de Alacante en plena corrida). Como se organiza unha protesta desta magnitude, e, tamén, tan perigosa?
Desta volta levounos bastante tempo organizar as últimas actividades antitaurinas, porque queriamos que tivesen transcendencia a nivel estatal e internacional. O primeiro obxectivo que nos marcamos foi a praza d'As Ventas, en Madrid, e ademais, en plenas festas de San Isidro. O que buscabamos estaba ben claro: era unha acción de repercusión especial e, dentro do posíbel, saíu bastante ben. Mesmo a xente da praza quedou sorprendida; cada un reaccionou ao seu xeito... Ao final os activistas foron arrastrados pola policía, despois de intervir os traballadores da praza, un gandeiro e algún toureiro, tentando movelos, ou retirarlles os carteis e as faixas.

Hai quince días saltamos tamén á praza de touros de Barcelona, e a fin de semana pasada á de Alacante.

Como se realizan este tipo de accións, que son pacíficas, mais que entrañan certos riscos para os activistas?
O concepto que traballamos en Equanimal é o do activismo comprometido, mais pacífico, cousa que sempre ten certo risco. Nós simplemente exercemos o dereito á liberdade de expresión. No caso dos cazadores ou dos taurinos... eles están na súa "festa", no seu terreo, e son sorprendidos polos voluntarios, co que chegan a darse situacións de tensión. Os activistas, para isto, acostuman ensaiar unha dinámica de resistencia non violenta, que faga chegar a calma cando se precisa. Cando son increpados, tíranse ao chan ou póñense de xeonllos, demostrándolle a quen se enfronta con eles que non son perigosos.

Nós traballamos para conseguir un obxectivo mediático, mais minimizando as posibilidades de que haxa agresións. De feito, a pasada fin de semana na praza de touros de Alacante a policía deulle varias pancadas a un dos voluntarios, mais xa fóra da praza; tamén sufriron o arrastre, cando tentaban desaloxalos, pero xa contamos con que se dean este tipo de situacións. Por exemplo, o pasado 15 de xuño, na festa pola Caza e a Pesca de Dima, en Euskadi. A reaccións dos asistentes contra a presenza dos voluntarios de Equanimal, que só levaban uns carteis que puñan "Cazar é asasinar", foi moi violenta. Parecía que estaban mentalizados de que iamos aparecer. Eu penso que xa o esperan, tamén nas prazas de touros, despois das últimas accións.

Vostede tamén sufriu unha agresión no boicot ao Campionato Estatal de Caza do raposo, que se desenvolveu en Portomarín a comezos deste ano...

Si, hai interposta unha denuncia dun Garda Civil, e eu xa dei a miña versión, e el a súa. Acúsanme de desobediencia á autoridade, mais, segundo a miña avogada, a Lei obriga a obedecer á autoridade sempre que o que nos esixa sexa legal, e desta volta o que me pedía a Garda Civil é que soltase un megáfono que estaba empregando para asustar os raposos e estragarlles a xornada aos cazadores, porque "molestaba", o que non é un argumento xurídico. Aínda está o xuízo pendente.

Con esta acción, a súa organización apareceu con forza nos medios do país, mais tamén acostuma ser noticia, polas críticas que recibe o chamado "rescate aberto" de animais, que practican.
As críticas que reciben este tipo de accións son diversas, mais o que nós facemos é moi fácil de entender. Entramos nas granxas de día, a cara descuberta, porque non temos nada que ocultar. Os que si teñen cousas que ocultar son os donos das granxas, todas elas de paredes opacas, que non queren que a opinión pública saiba como viven estes animais.

O último rescate que fixemos foi nunha granxa de polos, no que se crían perto de 10 mil. Nós levamos desa granxa sete animais que ían morrer, polas condicións deplorabéis nas que se atopaban. Despois difundimos imaxes e informacións do que vimos na granxa (os compañeiros saíron realmente conmocionados), para que a sociedade coñeza as condicións nas que viven estes animais. É un labor puramente informativo.

Neste sentido, as cámaras son unha ferramenta indispensábel nas súas accións, non é?

Sempre tentamos captar a maior información posíbel coas cámaras. Ademais, durante as accións, imos a cara descuberta e escribimos os nomes dos voluntarios que participaron en cada unha na nosa web.

Normalmente, cando temos material, os medios de comunicación acostuman pedírnolo. Deste xeito, a cámara convértese na ferramenta máis importante, porque dá a coñecer a realidade dos animais. Vendo os nosos vídeos, moita xente ten dito "non me imaxinaba que unha granxa fose así", ou abráianse ao ver o sitio dantesco que poden ser os laboratorios de experimentación.

Por outro lado, a campaña antitaurina está a ter a repercusión que agardabamos. Está funcionando ben, permitindo que a xente nos coñeza. Isto fai que a quen comparta esta sensibilidade se poña en contacto con nós, para axudarnos; ou axuda, tamén, a crear esa sensibilidade na xente que non a tiña, que pode comezar a colaborar e traballar na defensa dos animais.


Ligazóns

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxes da campaña 'Asalto al ruedo', cando os voluntarios de Equanimal baixaron á praza das Ventas
Imaxes da campaña 'Asalto al ruedo', cando os voluntarios de Equanimal baixaron á praza das Ventas
O raposo saboteador de Equanimal, Sabi, no medio da manifestación pola caza, en Madrid en marzo deste ano
O raposo saboteador de Equanimal, Sabi, no medio da manifestación pola caza, en Madrid en marzo deste ano
Activistas de Equanimal sacados pola policía española do medio da manifestación de cazadores
Activistas de Equanimal sacados pola policía española do medio da manifestación de cazadores
Os métodos de resistencia pacífica, na manifestación pola caza
Os métodos de resistencia pacífica, na manifestación pola caza
As imaxes e os vídeos de todas as accións son captados polo equipo / Esta imaxe é de Portomarín
As imaxes e os vídeos de todas as accións son captados polo equipo / Esta imaxe é de Portomarín