Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
41ª asemblea xeral da cooperativa

Relevo á fronte de Feiraco mentres sobe o optimismo cara ao grupo leiteiro galego

Media ducia de candidatos para a presidencia, que finalmente gañou Xosé Antonio Casais, co 42% dos apoios. Xesús García Calvo foi nomeado presidente de honor.

Redacción - 09:00 30/06/2008

Acelerar o camiño cara a unha cooperativa "dinámica, grande e competitiva" é o obxectivo manifestado por Xosé Antonio Casais, elixido este domingo presidente de Feiraco, a maior cooperativa leiteira de Galiza, con sede en Negreira. Casais é gandeiro de profesión, nado na parroquia de Olveira, e vinculado á actividade sindicalista en Unións Agrarias.

Á 41ª Asemblea Xeral de Feiraco asistiron 1.200 socios, que aprobaron o balance e conta de resultados e o informe de xestión de 2007. A asemblea tamén renovou tesoureiro, seis vogais titulares, un suplente e tres interventores de contas do Consello Reitor. Ademais, celebrouse unha asemblea extraordinaria que aprobou unha modificación de estatutos para introducir a figura do socio e presidente de honra e tamén para autorizar a participación nas novas sociedades 'Agrupación Láctea Cooperativa' e 'Ventos Cooperativos'.

Homenaxe ao presidente fundador
Xesús García Calvo, fundador e até o de agora único presidente de Feiraco, pasa a ser así presidente de honra. Calvo envioulle unha emocionada mensaxe aos socios da cooperativa agradecéndolles a confianza nel depositada durante estes anos. Tivo tamén un recordo para os compañeiros "homes e mulleres, veciños meus, gandeiros da bisbarra, que conseguimos unirnos e da fortaleza desa unión conseguimos crecer e que mellorasen as condicións de vida". Afirmou igualmente que foron "constantes afrontando as dificultades, que as haberá sempre", pero insistiu en que está convencido de que calquera dificultade "se resolverá mellor no seo da cooperativa".

García Calvo, prestixioso intelectual da economía social e o cooperativismo, foi recoñecido por numerosas institucións e entidades polo seu labor comprometido co desenvolvemento rural. No transcurso da asemblea leuse unha mensaxe do conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, en nome do Goberno, dirixido a todos os socios da cooperativa. Canal subliñou que "a iniciativa de García Calvo, impulsor en 1968 do proxecto cooperativista de Feiraco no Val da Barcala, debe ser recoñecida publicamente como un servizo ao país, como un compromiso co medio rural e como un proxecto innovador de poñer en valor as nosas vantaxes comparativas".

Cara ao grupo leiteiro
O novo presidente de Feiraco destacou a intención de traballar en favor da creación dun gran grupo leiteiro galego, chamado a estar liderado por Feiraco, e destacou a necesidade da aposta en innovación.

A cita esta fin de semana serviu ademais para certificar a participación na constitución da 'Agrupación Láctea Cooperativa, S.L.', integrada por 23 cooperativas lácteas do país que producen 600 millóns de litros de leite, proxecto impulsado na convicción de que "resulta conveniente para a optimización do sector lácteo conformar unha agrupación de cooperativas, para lograr mediante unha actuación conxunta unha posición no mercado para a comercialización do leite dos seus socios".

Do mesmo xeito, durante a asemblea extraordinaria tratouse e aprobouse tamén a participación na constitución de 'Ventos Cooperativos' para optar, xunto coas outras tres principais cooperativas lácteas (Os Irmandiños, Colaga e Icos), á concesión en Galicia de oito parques eólicos con 357 megavatios de potencia total. A inversión directa prevista de 498 millóns de euros irá acompañada de investimentos por valor de 138 millóns de euros en proxectos industriais, ambientais e formativos.


4,17/5 (6 votos)


Comentarios (3)

buril #1 2/Xullo/2008 buril
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A Consellería do Medio Rural tivo unha participación moi activa neste proceso electoral, favorecendo que este destacado membro do psoe se fixese coas presidencia de Feiraco. Incomprensibelmente para moitos socios da cooperativa próximos ao bng, dende a consellería promoveuse unha candidatura sen ningunha posibilidade de éxito co único fin de dividir os votos de Xan Ramos, que tivo a alcaldía de Mazaricos polo BNG. Trátase de pór un home de trapo que lle permita ao xerente continuar no proceso de venda da cooperativa, iniciado o ano pasado coa posibilidade de adquirir participacións persoas que non fosen productoras de leite. A ver canto tempo tardamos en ver a venda da cooperativa?. Felicidades ao psoe pola manobra, levada adiante co apoio do equipo de Suarez Canal.

mceleiro #2 2/Xullo/2008 mceleiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Algo se coze em Feiraco. Terá a ver com Ventos Cooperativos S.L. no negócio eólico? Seica agora Unións Agrárias (sindicato amarelo do PSOE) anda também a falar de eólicos e agricultura. Há quem fala do nascimento num monopólio agrícola à moda Coren, mas "modernizada" com diversidade de negócios e mais neoliberal.

Algo extranho há.

observator #3 3/Xullo/2008 observator
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Efectivamente, é unha desgrácia que Feiraco caia nas maos do PSOE, nun proceso eleitoral no que, ademais de Unions Agrárias, participaron moi activamente os alcaldes de Vimianzo, Dumbria, Brion, Negreira... e no que o SLG e o BNG se mantiveron á marxe, se cadra por non atopar o candidato/a acaido ou, mais probável, porque as persoas mellor situadas non se quixeron meter na guerra. A respeito de Xan Ramos e esa "mao negra" que buril quer ver na Consellaria de Meio Rural, non creo que se montaran outras candidaturas para dividir votos. En todo caso, particularmente, tampouco creo que fora o mellor candidato un tipo que accedeu à alcaldia de Mazaricos co apoio do PP, e que deixou tras de si terra queimada, coñecido entre os seus veciños e veciñas pola sua prepoténcia e chuleria. Por certo, con un ego insaciavel, e iso sabeo moita xente à que praticamente lle queimou o telefono hai agora cousa de tres anos, cando queria ter a toda costa algun cargo na Consellaria do Medio Rural (seica unha dirección xeral). É o mesmo Xan Ramos que se presentou para deputado provincial do BNG, prometendo liberacións a esgalla, e o dia seguinte a perder a votación foi el mesmo pedir unha desas liberacións. E facer-lle unha matización a Buril: en Feiraco hai anos que hai socios sen actividade agrária ningunha, (xa sexa leite, carne,...), non é cousa do ano pasado.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: