Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UN grupo de activistas antisistema

Irrompen na Bolsa de Madrid ao grito de "non máis sangue por petróleo"

Coincidindo coa cimeira dos principais produtores de cru, que comezou esta segunda feira en Madrid, organizáronse unha serie de contestacións coma esta.

Redacción - 18:40 30/06/2008
Ocupando a bolsa

Ocupando a bolsa

Un cento de persoas da plataforma Rompamos el Silencio entraron, na mañá da segunda feira, no edificio da Bolsa, en Madrid, para protestar pola participación da cidade no XIX Congreso Internacional do Petróleo, que acolle até a vindeira quinta feira.

O obxectivo era o edificio da Bolsa, e a manobra empregada para ocupalo foi a do despiste. Dende primeira hora da mañá os activistas xuntáronse en diversos puntos de Madrid e, facéndose pasar por turistas, mapa na man, foron achegándose ao predio, na Praza da Lealdade, ao que entraron a correr ao mediodía. Xa dentro, despregaron unhas pancartas nas que se podía ler, entre outras cousas, as frases "Non máis sangue por petróleo" e "Cos pobos do sur".

Denuncian o edificio como representación do capital
Aínda que a protesta era, nun comezo, pacífica, á saída do predio produciuse un encontro cos antidisturbios, que querían identificar os activistas, polo que os mantiveron retidos nas escadas da entrada principal ao edificio.

Segundo a organización, os activistas escolleron a Bolsa de xeito simbólico, porque este órgano "dirixe os fluxos de mercadorías e decide o valor das cousas, e é o petróleo o que o fai posíbel".

Esta non é a primeira acción que o colectivo organiza contra o diñeiro e "o capital", "que unha vez máis vai determinar as políticas globais dos próximos anos"; xa en 1999 ocupaban por primeira vez o edificio da Bolsa, enmarcada baixo o lema "Paro, precariedade, exclusión e moeda única".

Mentres, en Galiza
Tamén dentro do Encontro Social Alternativo sobre o Petróleo, que organizaron diversos colectivos para contestar á xuntanza oficial que aglutina, en Madrid, os principais países produtores de petróleo (representados en máis de 4.000 delegados, tamén das maiores empresas), houbo, a pasada terza feira, unha charla sobre as actividades organizadas no CS A Cova dos Ratos de Vigo.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: