Vieiros

As linguas suman
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Programa 'Vacacións en Paz'

Setenta concellos levan tres anos sen pagarlles o billete aos nenos saharauís

Aínda que as familias de acollida se ocupan da manutención, o acordo compromete os gobernos municipais a abonar a pasaxe.

Fernando Arrizado - 09:30 06/07/2008
Recibimento a crianzas saharauís nun concello do país

Recibimento a crianzas saharauís nun concello do país

Entre o 10 e o 12 de xullo aterrarán en Galiza as 846 crianzas saharauís que van pasar o verán nas casas de familias voluntarias de todo o país. O programa Vacacións en Paz, de ámbito estatal, está xestionado na nosa terra pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e conta coa colaboración de 180 concellos adscritos. O compromiso dos gobernos municipais consiste no pagamento dos billetes de avión dos cativos, mais este está a ser incumprido por case todos.

"Arredor de setenta concellos non pagaron o importe das pasaxes dende hai tres anos", confesa o dende hai un mes novo delegado da República Árabe Saharauí Democrática (RASD) en Galiza, Ahmedu Mojtar. Este prefire non dar "polo momento" ningún nome, "porque algúns xa comezan a pagar" e con outros "estamos en negociacións".

No entanto, Mojtar alerta da débeda que están a acumular coa compañía aérea alxerina, Air Algérie, coa que teñen asinado un convenio de colaboración. Aínda que "temos flexibilidade" para abonar os billetes, o certo é que o acordo con Air Algérie estabelece que o pagamento se debe facer "cando menos, con 15 días de antelación á viaxe". Algo que, evidentemente, non se está a cumprir.

Atraso xeneralizado nos pagos

Xunto cos setenta concellos 'morosos', hai outros moitos -"a grande maioría", afirma Mojtar- que aínda que acaban por dar os cartos, fano "dun ano para outro". Unha axuda económica, informan dende Solidariedade, que pode ser asignada directamente dende a Alcaldía ou ben aprobada polo Pleno, dependendo de cada un dos concellos que deciden colaborar co programa Vacacións en Paz.

O delegado do goberno do Sahara Occidental di que nos últimos días enviaron un escrito a todos os municipios participantes animándoos a que "axilicen os pagamentos". Aínda que tamén matiza, "non é o mesmo un concello pequeno que trae dous nenos e non abona as pasaxes, que un grande que trae vinte e só paga dez". Preguntado por se isto significa que entre os morosos hai algún das sete grandes urbes, Mojtar afirma: "Hainos grandes, medianos e pequenos".


3,78/5 (9 votos)

Comentarios (5)

outrolector #1 6/Xullo/2008 outrolector
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Menos historias: que digan quenes son os concellos que non cumpren o que acordan. As puñeteras diplomacias, para os que as precisan: os falsos e sectarios!

ecoe #2 6/Xullo/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O obxectivo primordial de esta movida é que *s meniñ*s saharauis veñan pasar uns días, nutrirse millor, ver médicos e mesmo ser atendidos dos seus problemas.

Calquera entende, pois, que o doado é denunciar que os concellos non pagan o transporte e que se fagan cargo do compromiso ECONÓMICO contraído.

Independencia para o Sahara, porque así o queren os seus habitantes, os seus únicos habitantes, *s saharauis!

ecoe #3 6/Xullo/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Outro asunto é denunciar e comentar o "jetas" que son os concellos morosos e mesmo os atrasados nos pagos (que son a maioría), sobre todo cando os pagos só dependen de unha firma de alcalde ou da aprobación a pleno.

Quenes sí son solidarios -neso polo menos- son as líneas aéreas arxerianas, que traballan sin cobrar ó contado. Claro que elas poden pero os coitadiños concellos galegos, NON!!!

galeguzo #4 6/Xullo/2008 galeguzo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Concordo com o que dizes, outrolector, mas se calhar existe o temor de que ao denunciar com nomes os "morosos", estes mais adiante deixem de aderir este interessante programa.

Desde logo, a mais de um lhe deveria cair a cara de vergonha.

baltar69 #5 7/Xullo/2008 baltar69
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

a maquinaria municipal é para darlle de comer á parte. un día teremos que pornos en serio a explicarlle á cidadanía de que vai realmente este asunto da administración de proximidade e das implicacións de esta nova clase política que conforman os gobernos locais cos séus funcionarios adscritos: escribentes ( perdón: administrativos, auxiliares), bedeis ( perdón: ordenanza de secretaría ) , gardas municipais ( perdón: policías locais ), obreros ( perdón: brigadas municipais ), etcétera etcétera.
así, cando examinemos en profundidade o feito local, non creo que nos extrañe moito o destino otorgado pola sabia poboación de ayo ayo ó séu correxidor benxamín altamiranoe teremos que facer algo de ficción e imaxinarnos un país sen toda esta gleba de alcaldes, secretarios, concellais de obras, encargados de iluminación, interventores, recaudadores, ediles de festexos ou responsabeis de mobiliario urbano ( tódolos sustantivos anteriores poden ser leídos, a maior gloria de bibiana aído, sustituíndo a terminación o pola a ), por que toda esta deriva administrativa constitúe unha enorme rémora para o desenrolo e para a actividade da poboación.
non pagan ós proveedores, xa sexan éstes as aeroliñas arxelinas ou os do miúdo, pero eles, toda esa infausta tropa, leva as nóminas ó día e rinse de los pajaritos mentras o resto dos conveciños accarrean cara eles os tributos que denantes se carrexaban cara a casa do médico ou do terratenente.
é o prezo do progreso. e da orden, imaxino.
pero a mín non me interesa e quería ver de baixarme: podo eu, cidadán, prescindir de méu concello? podo eu negarme a aceptar os séus servizos e a súa autoridade e declararme insumiso municipal? podo eu non ser de ningún concello, non figurar e ningunha lista, non estar empadroado en ningún lado? por que eu non necesito do concello para nada. e vos tampouco.
os que os precisen, que os paguen.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: