Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Tocounos un óso duro de roer

As irmandiñas do futsal debutarán contra Rusia e Brasil no Mundial

Non é un dos grupos máis fáciles, segundo o seleccionador nacional, Eduardo Lago, pero as mozas aínda van adestrar xuntas e xogar varios amigábeis.

Redacción - 17:15 09/07/2008
Eduardo Lago, Tito, co equipo cadete feminino do Viveiro FSF

Eduardo Lago, Tito, co equipo cadete feminino do Viveiro FSF

A selección galega feminina de fútbol sala debutará no mes de setembro no Campionato do Mundo de Fútbol Sala Feminino, que se disputará e Reus, organizado pola Asociación Mundial de Futsal (AMF).

Esta cuarta feira, en Compostela, presentouse o equipo, o adestrador e deuse a coñecer o calendario do Mundial. Até o de agora sabemos que o novo seleccionador nacional é Eduardo Lago Varela (adestrador das mozas do Viveiro FSF, e ex adestrador do Burela Pescados Rubén, entre outros moitos equipos) e que o grupo é o A, no que xogan dous ósos duros de roer: a selección brasileira e a rusa.

Hai que chegar "nas mellores condicións posíbeis"
O novo seleccionador nacional, Eduardo Lago, manifestou na presentación a súa ledicia e a das xogadoras, por poder representar a Galiza nesta competición oficial, e asegurou que "aínda que nos tocou o grupo máis duro", o combinado ha adestrar e xogar algúns amigábeis até o 29 de setembro, día no que comeza o Mundial, para chegar preparadas. O director da irmandiña do futsal estaba acompañado de tres xogadoras da nova selección: Silvia Aguete e Begoña Fraguas (Leis Pontevedra) e Sonia Pacios (Cidade das Burgas).

Na súa quenda, a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, destacou os éxitos do futsal galego feminino "xa que temos dous clubes na máxima categoría estatal" e agora "temos a posibilidade de estrearnos nun Mundial e fronte a grandes equipos".

A selección galega de fútbol sala feminina é a cuarta creada até agora, tras as de baloncesto, balonmán e fútbol.
Ao acto de presentación tamén a directora xeral para o Deporte, Marta Souto e o presidente da Federación Galega de Fútbol Sala, Luís Pena Neira.

Anterior:
A feminina de futsal será o primeiro combinado galego en xogar un Mundial


4.75/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: