Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Encocheapequín

"Chegaremos á praza de Tiananmen cun Golf do 94"

Tres actores pretenden chegar á China nun coche vello. Xose Luís Prieto fala con Vieiros do proxecto de odisea.

Clara Figueroa - 11:50 12/07/2008

Vieiros: Para empezar polo principio, como xurdiu a historia?
Coñecémonos hai moitos anos facendo teatro e, o que son as cousas, terminamos viaxando os tres xuntos á China nun coche vello. Aos tres gústanos viaxar en coche e pensamos hai meses a broma e os preparativos. Entón soaba lonxe, pero de súpeto estamos aí á porta e ultimando cabos.

Como tedes pensado chegar tan lonxe?
Imos nun golfiño que ten 14 anos, e pensamos chegar a Beixín en agosto facendo etapas duns cincocentos quilómetros ao día. Sairemos o domingo trece, non sabemos a que hora.

Alguén ten algunha idea de mecánica?
De enfermar o coche, un de nós asegura que ten “certas nocións”. E se non as ten, nós preferimos pensar que si...

Como ides explicar onde está Galiza?
En cada parada faremos unha actuación que aínda estamos concretando pero que de seguro vai estar conectada co deporte ou mesmo co fútbol, que casa moito en xeral con toda a xente. Ao remate de cada actuación, a idea é facer de embaixadores de Ferrolterra explicando cun mapiña de onde vimos e a onde nos diriximos.

Tedes trazada unha ruta concreta ou ides ao chou?
Concreta, concreta... non. Temos unha idea máis ou menos. Sabemos os países que cruzaremos polo tema dos visados, pero aínda non sabemos por onde imos tirar. Gañaremos tempo mentres esteamos en Europa facendo etapas de moitos quilómetros ao día, para poder tomalo con calma en Asia e escoller as mellores estradas (de habelas).

Onde ides pasar as noites?
Ningún de nós viaxou aínda en coche por Asia, así que non sabemos como vai o tema do aloxamento e das estradas. Só podiamos ter certa idea das grandes cidades, pero non nos vale de moito porque non tiñamos pensado parar nelas.

Mentres esteamos viaxando por Europa, podemos pasar as noites en casas de amigos. Segundo vaiamos avanzando as etapas, miraremos como anda o tema en Asia. Por exemplo, pensando en paraxes como o Casaquistán, que son miles de quilómetros de estepa, levamos tenda de campaña e sacos por se non atopamos unha vila onde facer noite. Xa vamos coa idea de durmir onde poidamos.

Teredes forza para saír polas noites?
Nós pensamos que as cañas de polas noites hai que tomalas. Tamén poderemos facer unha estatística internacional da cervexa na nosa viaxe.

Que pasa se o coche di "que non" na metade da viaxe?
Se o coche nos deixa tirados, a idea é chegar a China como sexa, en tren, a pé, en tractor ou como sexa. Temos que ver a Gómez Noya gañar un ouro!

E Xabier Gómez Noya sabe da vosa andaina?
Aínda non falamos con el, pero estivemos a piques de organizar unha rolda de prensa conxunta en Ferrol que non puido ser por falta de datas. Imaxino que terá recibido a mesma notificación que nós para participar na rolda e por iso seica sabe do noso proxecto. El irá en avión pero logo correrá, e nós iremos en coche pero ao chegar a China descansaremos.

Unha vez chegados a Pequín, como tedes pensado volver?
A volta vai ser do máis occidental. Irémonos desfacendo de todo o equipamento ao longo da viaxe para, cando cheguemos a Pequín, doar o coche a unha oenegué chinesa. Se o golfiño chega, subiremos ao avión co que levemos posto despois de ver o final da olimpíada chinesa.


Ligazóns

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: