Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A metade xa arrestadas

A Fiscalía turca pide o procesamento de 86 persoas polo presunto plan golpista

No medio das tensións pola posíbel ilegalización do partido islamista gobernante e as especulacións sobre os movementos en defensa do laicismo.

Redacción - 13:15 14/07/2008

Trataríase dunha rede xurdida do ámbito político ultranacionalista en Turquía á que se lle atribúe o planeamento dun golpe de estado contra o actual goberno, considerado "islamista moderado" e liderado polo primeiro ministro Erdogan. Como presuntos implicados neste movemento, a oficina do fiscal xefe de Istambul solicitou procesar 86 sospeitosos. Os tribunais teñen dúas semanas para estudar o informe do fiscal e decidir se vai adiante a petición ou ben se rexeita. De seguir adiante, nese momento coñeceríanse máis detalles das acusacións.


A nova chega ademais pouco despois dunha vaga de detencións que incluíu varios militares, xornalistas, académicos e empresarios. Dos 86 aos que agora apunta o fiscal, un total de 48 persoas xa están detidas, baixo a acusación de apoio a unha organización terrorista, o suposto intento de derrocar o goberno a través da violencia e a incitación aos cidadáns á revolta armada. Xa daquela, a prensa internacional analizaba o acontecido no contexto dos tensos enfrontamentos sociais e políticos entre os partidarios do partido gobernante e a oposición laica. De feito, hai poucos días, o fiscal xeral compareceu perante o Tribunal Constitucional para pedir a ilegalización da formación que sustenta o goberno, o Partido da Xustiza e o Desenvolvemento (AKP), de ideoloxía islamista.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: