Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crise en Martinsa-Fadesa

Consumidores en alerta fronte ao futuro da empresa

As asociacións recordan que o promotor debe ter un seguro para devolver as entradas dos pisos.

Redacción - 14:30 15/07/2008

A Asociación Xeral de Consumidores, Asgeco, comunicoulle este martes aos que compraran un piso de Martinsa-Fadesa que a Lei sobre cantidades anticipadas na construción e venda de vivendas garante a devolución do importe entregado máis o 6% de interese anual. A organización explicou que en virtude da devandita lei o promotor debe contar cun seguro para poder devolver os importes que os clientes aboan en forma de entrada dun piso. A asociación aconsella a todos aqueles consumidores que poidan verse afectados pola crise da inmobiliaria que preside Fernando Martín que se poñan en contacto coa administración concursal, cando esta estea constituída.

Desde a Federación de Asociacións de Consumidores e Usuarios en Acción, Facua, consideran "preocupante" a actual situación dos acredores e compradores que se viron afectados pola suspensión de pagamentos. Rubén Sánchez, voceiro de Facua, asegurou que a principal preocupación está agora en todos os acredores e compradores "que están pendentes dunha entrega de vivendas" e reclamou unha solución urxente á situación das persoas afectadas pola crise desta empresa inmobiliaria. "Todos sabían que isto ía acontecer", reprocha por outro lado Sánchez, advertindo que a mesma situación pode acontecer noutras empresas.

O xuíz encargado do concurso ditará nos próximos días un auto declarando, se procede, a suspensión de pagamentos no que se debe estabelecer o chamamento aos acredores para que poñan en coñecemento da administración concursal a existencia dos seus créditos, no prazo dun mes a contar dende a última das publicacións acordadas no referido auto.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: