Xogarán os equipos galegos na chamada Primeira Nacional, por eliminatoria. Os partidos xóganse o 10, 17 e 24 e agosto e hai importantes premios para as gañadoras.
Patrocinada pola Dirección Xeral para o Deporte e organizada pola Federación Galega de Fútbol, a Copa Galiza de Fútbol feminino comezará o vindeiro domingo 10 de agosto. De acordo co resultado do sorteo, que se efectuou na sede da Federación, no Grupo A estarán o Xuventú Aguiño, o FV de PR El Olivo e o Peluquería Mixta Friol. No Grupo B quedan o Pontevedra CF, o Atlético Arousana e o Val do Ulla CF.
Tamén están aparellados os equipos para a primeira eliminatoria: o Xuventude Aguiño enfrontarase ao Pontevedra CF en Aguiño; o Olivo ao Atlético Arousana en Vigo; e o PM Friol ao Val do Ulla CF en Friol. Todos eles son clubes galegos militando en Primeira Nacional, a segunda división estatal do fútbol feminino.
Os dous equipos que gañen en cada un dos grupos xogarán a final o 31 de agosto.
O regulamento da Copa Galiza
A Copa xogarase por un sistema de eliminatorias a un só encontro. A final celebrarase en data e lugar a determinar pola organización, unha vez estudadas as peticións feitas polos clubs interesados. En caso de empate resolverase o mesmo mediante o regulamentario lanzamento de penaltis, incluída a final.
O feito de participar trae un premio aparellado, e outro no caso de ir gañando (as cantidades aínda non se coñecen, pero serán estabelecidas pola Dirección Xeral para o Deporte e comunicadas á Federación e aos clubes antes que comece o torneo).