Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reclamacións DESPOIS DA XUNTANZA DE MAIO

O audiovisual galego aínda agarda por Touriño

Colectivos que aglutinan ao audiovisual resumen un decálogo de reivindicacións e denuncian que a TVG non cumpre coa normativa de compra de producións independentes.

Redacción - 09:00 17/07/2008

Despois de dous meses de manter unha xuntanza co presidente da Xunta, os colectivos do audiovisual galego están a agardar que se materialicen os seus compromisos. Daquela, o xefe do executivo comprometeuse a impulsar unha mesa de diálogo entre os representantes do sector e as distintas áreas do goberno, para reforzar a política integral e intensificar os esforzos de promoción desta actividade, considerada estratéxica pola Lei do Audiovisual de Galiza. Tamén prometeu a habilitación de fondos para que a Televisión de Galiza cumpra coa normativa do 5% na compra de produción cinematográfica a produtoras independentes.

A día de hoxe, as asociacións (AAAG, AEGA, AGAG, AGAPI, APRADOGA, ATEGA, CREA, EGANET) están a agardar por unha nova xuntanza con Touriño para avaliar as iniciativas levadas a cabo, unha reunión que pediron o 30 de maio.

Medidas urxentes
O colectivo audiovisual subliña a necesidade de aprobar unha normativa propia que regulamente a obriga da TVG de adquirir produtos independentes. Tamén esixen unha resposta urxente por parte da canle galega aos proxectos, longametraxes, series e documentais que, dende hai moitos meses, foron presentados e que xa se atopan en proceso de rodaxe.

Ademais, recordan que a día de hoxe non se realizaron gran parte dos pagos correspondentes ás convocatorias do 2007, que aínda non se convocaron as axudas anuais á produción e que non saíron á luz as medidas anunciadas pola Consellería de Innovación e Industria para o fomento das rodaxes e a súa comercialización en Galiza.

As Asociacións son AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galiza), AEGA (Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual), Agag (Asociación Galega de Guionistas), AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes), APRADOGA (Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe), ATEGA (Asociación de Técnicos do Audiovisual de Galicia), CREA (Asociación de Directores e Realizadores de Galicia) e EGANET (Empresas Galegas Adicadas a Internet).


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: