Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
VOLVE A MIT

Ribadavia xa recende a teatro

A vixésimo cuarta edición da Mostra Internacional de Teatro acolle ademais a entrega do Premio Abrente de textos teatrais.

Redacción - 12:00 19/07/2008

Dúas ducias de compañías teatrais de medio mundo están a apurar os últimos detalles para a posta en escena dos seus espectáculos. Ribadavia é o escenario da vixésimo cuarta edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT), e ata a vila achegáronse xa actores de Alemaña, Brasil, Portugal, Arxentina, Galiza ou España. As actuacións distribuiranse polos escenarios distribuídos por toda Ribadavia: o castelo, a igrexa da Madalena, a casa da cultura, as ruas da vila e os barrios do municipio. Non quedará recuncho en Ribadavia que non se entregue esta fin de semana ao teatro.

As últimas montaxes de Familie Flöz, Uroc, Meridional ou Circolando, unha performance de perruquería creativa e un espectáculo só para mulleres ambientado nun baño musulmán tradicional son algunhas das propostas que nos fai a MIT deste ano. Ademais, poderemos ver Aeroplanos, a última creación de Lagarta Lagarta, compañía gañadora do premio do público na última edición.

Premio Abrente de textos teatrais
O Abrente é xa un dos galardóns máis importantes no panorama da escrita teatral galega. O fallo do xurado farase público coincidindo coa clausura da Mostra e farase público ese mesmo día, nun acto presentado polo actor Antonio Durán Morris que se levará a cabo no castelo. Doce obras compiten este ano por este galardón, que está dotado de 3.000 Euros de premio para o gañador.

O xurado estará presidido polo alcalde Ribadavia, marcos Blanco Jorte, e formarán parte del o concelleiro de cultura, Anxo Collarte; o director da MIT, Rubén García; a directora do Centro Dramático Galego, Cristina Domíngues; o director de escena Xulio Lago; e o actor Fernando Dacosta.

Entradas á venda
As entradas para os espectáculos da MIT pódense adquirir na propia oficina da Mostra, ao carón da praza Maior de Ribadavia, ou a través do servizo de taquilla electrónica de Caixanova, ben na súa páxina web ben telefónicamente. Para as funcións do castelo, previstas para as once da noite, a taquilla estará aberta dende as 21:00 ata as 22:30 h.

O prezo das entradas para os espectáculos do castelo e da igrexa da Madalena é de 5 Euros, cunha redución dun euro para parados, estudantes e xubilados. Ademais, os espectáculos para nenos e nenas terán un prezo de 1 Euro. O resto das obras teatrais terán entrada gratuíta.


Ligazóns

4.67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: