A nova dirección da empresa pública destaca o balance dos cambios cara ao ámbito da xestión ambiental, innovación tecnolóxica, enerxías renovábeis e desenvolvemento sostíbel.
"Sogama quere ser, por riba de todo, unha empresa sostíbel", manifestou este mércores Xosé Álvarez, presidente de Sogama, "e é por iso que o noso esforzo debe dirixirse cara a protección do medio ambiente e a mellora da calidade de vida, velando pola educación, a equidade e a creación de máis e mellor emprego, reinvestindo os beneficios económicos en novos proxectos ambientais que repercutan no benestar da cidadanía".
Foi durante a presentación do segundo Informe de Sostibilidade elaborado por Sogama desde o inicio da nova etapa da empresa pública. De xeito simbólico, o documento só se presentou en soporte dixital, evitando a difusión en papel, como exemplo da aposta pola preservación do medio. O documento foi verificado e validado por un órgano externo, AENOR (Asociación Española de Normalización e Certificación), obtendo a cualificación máis alta, a A+.
O documento inclúe as principais actividades da empresa desenvolvidas nos últimos doce meses, cara a unha reorientación estratéxica que en palabras de Álvarez implica "que Sogama sexa o que realmente quere ser: a Sociedade Galega do Medio Ambiente en todos os seus termos".
Entre outros, desde o ente sinalan que as emisións á atmosfera procedentes da valorización enerxética da fracción de residuos non reciclables, parámetros como dioxinas e furanos, atópanse nun 85,6% por debaixo do límite legal, e, no caso do NOX, nun 71%. Tamén salientan a automatización da planta clasificadora de envases lixeiros, o estudo para a posta en marcha dunha planta de recuperación de vidro ou a futura planta de pretratamento de residuos urbanos, a ubicar no depósito controlado de Areosa.