No Teatro Colón represéntase esta obra, baseada na alegoría dramática de Gil Vicente 'Auto da Barca do Inferno'.
O Teatro Colón d'A Coruña acolle o sábado 19 de xullo, ás 20.30 horas, a obra de teatro Gira pro inferno!, baseada na alegoría dramática de Gil Vicente Auto da Barca do Inferno.
O teatro de Gil Vicente, considerado como “o pai do teatro portugués” caracterízase principalmente pola sátira. O teatro vicentino criticaba o comportamento de todas as castes sociais: a nobreza, o clero e o pobo. O Auto da Barca do Inferno forma parte dunha alegoría complexa do dramaturgo luso que foi representada por primeira vez en 1517.
Os personaxes e os valores da obra Gira pro inferno! foron adaptadas e transformadas para a actualidade, tendo en conta a sociedade dos nosos días. Non faltan o demo, o anxo, o parvo, o feirante, a corrupción e o pecado. É un xogo lúdico didáctico onde os personaxes contemporáneos pasan xunto coas vicentinas, é dicir, o Fidalgo como Deputado, a Brizida como Menina VIP, o Frade como Home da tele, o Aforcado como Drogado...
A obra, interpretada polo Centro Dramático de Viana do Castelo, está incluída dentro do proxecto Culturnova, con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e xestionado pola Deputación da Coruña máis a Cámara Municipal de Viana do Castelo. O obxectivo principal deste proxecto europeo é a creación e consolidación de diferentes redes de intercambio de exposicións e manifestacións artísticas.
Retirada de invitacións no teatro
A representación será de carácter gratuíto e distribuiranse as invitacións até completar o aforo do teatro. O público pode retirar as invitacións no Teatro Colón este sábado (día da representación), en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.30 horas.